O MARCO pon en marcha a programación didáctica de verán 2025
O alcalde explicou que este ano inclúe Laboratorios Artísticos para público infantil, obradoiros e actividades para grupos, e para colectivos con necesidades específicas.

Neste inicio do mes de xullo, o MARCO presenta a súa programación especial de verán, que este ano inclúe laboratorios artísticos para público infantil, obradoiros e actividades para grupos, e para colectivos con necesidades específicas, que se desenvolverán nas salas de exposición e na zona exterior e interior do Espazo Anexo.
Do 8 ao 30 de xullo, os máis pequenos terán oportunidade de participar unha vez máis en actividades de taller, concibidas como sesións independentes, que poñen o foco nunha experiencia de aprendizaxe baseada no desfrute, e que serven tamén de apoio á conciliación familiar no período estival. As obras da exposición de Laura Lio serán a principal fonte de inspiración para traballar con elementos, conceptos e temas presentes no seu traballo (a liña como expresión, o silencio, os paxaros arquitectos, as relacións e paralelismos entre plantas, animais e humanos, a idea de colaxe e descolaxe colectivo), a través de distintos medios e materiais.
Os laboratorios artísticos serán unha serie de actividades nas que, tomando como base a exposición do artista Alfonso Galván , abordamos temas como a linguaxe das sombras e das siluetas, a natureza como recurso para observar e inventar, a paisaxe fragmentada, o xardín sonoro, ou o papel do azar e a ambigüidade das imaxes no proceso creativo, Un conxunto de obradoiros conducidos de xeito experimental e multisensorial, poñendo en xogo todos os sentidos. Serán do 10 ao 31 de xullo. Finalmente, tamén se ofertarán actividades á medida para públicos de todas as idades (colectivos, asociacións e grupos con necesidades específicas) con múltiples posibilidades de experiencias relacionadas coa percepción.