A Feira do Libro de Vigo enche a Praza de Compostela de literatura e actividades ata o 7 de xullo
O alcalde convida á cidadanía a achegarse ata os xardíns da céntrica Alameda para gozar cos libreiros e escritores e intercambiar opinións literarias con outros lectores. No acto de inauguración, Caballero quixo lembrar a Domingo Villar, escritor vigués e Vigués Distinguido que faleceu no ano 2022 e que vivía na contorna da Praza de Compostela, e puxo de manifesto que "o libro é o maior avance na historia da humanidade". Na feira, amais da compra e venda de libros, haberá firmas de autores e unha ampla programación con actividades infantís. O Concello de Vigo achega 15.000 euros para a celebración do evento que este ano medra con ata 21 postos e na que o goberno local participa coa Biblioteca Neira Vilas e o Centro de Documentación e Recursos Feministas.




