O Concello aproba axudas de 100.000 euros para entidades sen ánimo de lucro e deportistas de élite
O alcalde anunciou este luns a aprobación pola Xunta de Goberno de dous acordos “importantes” para o deporte de Vigo. Os deportistas de elite e as entidades deportivas sen ánimo de lucro suman axudas municipais por valor de 100.000 euros.

Abel Caballero destacou hoxe a concesión de axudas por valor de 50.000 euros para os deportistas de alto nivel da cidade, que contan con “boas performances” e actuacións nun número importante de competicións de toda España.
O alcalde lembrou que en 2024 o Concello concedeu 43 bolsas: 15 para mulleres e 28 para homes. Apuntou que o importe máximo por perceptor ascende a 2.500 euros.
A Xunta de Goberno tamén aprobou as subvencións a entidades sen ánimo de lucro pola organización de eventos na cidade.
O Concello destina 50.000 euros para realizar calquera proxecto deportivo que se vaia a desenvolver na cidade e que poida contar co apoio económico municipal.
O rexedor explicou que entre os acordos da Xunta de Goberno atópase a concesión de 30.000 euros para o partido de fútbol celebrado polas seleccións española e portuguesa en Balaídos.
“Tres actuacións en favor do deporte na cidade”, recalcou Caballero.
Apoio xubilados
O Concello asinará un convenio coa Asociación de Xubilados e Pensionistas “Villa-Galicia”, na Avenida de Ramón Nieto, polo que recibirá 6.000 euros para financiar o custo do alugueiro do seu local social.
“Nós prestamos unha atención especial ás asociacións de persoas maiores e esta vez aprobamos o convenio”, lembrou o alcalde ao recalcar que o apoio municipal permitiranlles aos asociados manter unha intensa actividade social co apoio económico do Concello de Vigo.