VigoNature reabre este sábado 15 con nova programación e espazos educativos e de lecer
O alcalde anunciou a apertura, mañá sábado 15 de marzo, de VigoNature, despois de catro meses e medio de obras para avanzar na transformación do antigo zoolóxico nun Centro de Divulgación Ambiental de vangarda que conta cunha vocación substancialmente didáctica e de lecer.

Abel Caballero destacou este venres o traballo de transformación do antigo zoo, que contaba con animais en catividade “cun sufrimento indescritible”, en VigoNature, un centro cun carácter substancialmente educativo e lúdico.
O alcalde avanzou que o sábado 22 de marzo arrinca o novo calendario de actividades e obradoiros de fin de semana programadas ata o domingo 27 de abril.
Caballero lembrou que na actualidade xa se recolocaron a maior parte dos animais, quedando unicamente o oso para o que se segue buscando un espazo adecuado. Explicou que se manteñen as aves irrecuperables para a súa volta ao seu hábitat natural, así como os réptiles e os animais de granxa.
Entre as novas dotacións atópanse as rutas ecolóxicas así como áreas temáticas como as cabanas das árbores para a experimentación das nenas e os nenos. Amais, VigoNature contará con programas de conciliación familiar na Semana Santa e no verán. Tamén ofrece espazos para as celebracións de aniversarios, ademais de talleres especializados en astronomía, reciclaxe, biodiversidade, educación ambiental.
“É un espazo completamente novo”, recalcou Caballero ao indicar que “os zoolóxicos eran un sufrimento insoportable para os animais salvaxes” que Vigo transformou totalmente. “Gustaríame que as organizacións ambientais falasen disto e dixesen que somos a primeira cidade en Europa que pecha un zoolóxico e establece un parque de natureza”, asegurou.




