O Pleno aproba a moción do goberno local para que Vigo sexa Porto Nodal
O Pleno da Corporación aprobou hoxe, cos votos a favor do grupo socialista, a abstención dos edís do PP, e a negativa do BNG, a moción que contén unha batería de medidas propostas polo goberno municipal para impulsar o Porto Nodal. “Esta moción vai chegar a bo porto porque é tan obvia e ten tanto sentido común que é imposible dicirlle que non, aínda que é certo que o PP antonte votou en contra no Parlamento de España", explicou Abel Caballero ao incidir na transcendencia da proposta de crear un grupo de traballo entre Xunta, Goberno de España, Concello de Vigo e Porto para deseñar os novos parámetros de elección. “Xuntos elaborando criterios para que Vigo sexa porto nodal”, incidiu.

O alcalde remarcou que, entre os acordos aprobados no Pleno extraordinario de hoxe figura que “a Xunta de Galicia, e o propio Porto, demostren a súa vontade política tomando medidas para conseguir o porto nodal". A este súmase o de dirixirse ao Goberno de España, “con presenza en Bruxelas, para que traslade a importancia do Porto de Vigo para a economía da cidade”, e a "nuclear" de constituír un grupo de traballo entre Goberno, Xunta, Concello e Porto "para que conxuntamente elaboremos unha modificación dos criterios que rexen os portos nodais para a súa elección, porque neste momento se elixen por volume de carga e é moi insuficiente "e non por cuestións que “Vigo ten sobre maneira e que son moito máis importantes que o volume de carga”.
O alcalde incidiu na importancia de que Europa entenda os valores do Porto de Vigo, “e este grupo de traballo elaboraría os criterios a propoñer a Bruxelas e para que na seguinte revisión se adopten criterios distintos".
O rexedor recalcou a necesidade de reforzar as comunicacións do porto, ampliando e modernizando a terminal do ferrocarril, así como executando o novo proxecto de autovía en túnel da A52 Vigo-Porriño para o tráfico pesado que parte da dársena de Vigo "perdendo tempo, diñeiro e seguridade". A isto suma a liberación da peaxe da AP9 cara ao Norte de Galicia e especialmente do tramo Vigo-Pontevedra "porque somos unha área urbana". Caballero apuntou que se todas estas medidas se desenvolven, asegurarán que na seguinte elección de portos nodais Vigo estea presente. "Todos estamos a dicir isto é imparable, pero sucede que hoxe xa vimos que non foi votado polo PP e polo BNG ".
Acordo
O voceiro do grupo municipal socialista, Carlos López Font, tras incidir no Pleno extraordinario deste xoves na “innegable importancia da dársena portuaria na economía da cidade e de Galicia”, lembrou que a Xunta, con competencias na designación do presidente e do Consello de Administración, “en ningún momento” trasladou ao Goberno central a proposta de converter a Vigo en Porto Nodal.
“Alfonso Rueda non quere que Vigo sexa Porto Nodal”, afirmou o edil do goberno ao recodar que o grupo parlamentario do PP no Congreso votou en contra de constituír unha comisión para conseguir o porto nodal. “O PP está en contra da cidade tanto aquí como no Parlamento”, recalcou Carlos López Font.
A proposta aprobada hoxe polo pleno da corporación, ademais de lamentar que a Xunta non exercese as súas competencias para que Vigo se converta en Porto Nodal e de demandar ao Gobierno de España que teña en conta a potencia da dársena viguesa para a súa designación, propón crear unha comisión de traballo entre a administración galega, o executivo estatal e o Concello. O obxectivo desta iniciativa é trasladar á Comisión Europea a demanda de Vigo cambiar o enfoque actual e introducir a variable do valor da mercadoría con independencia do da tonelaxe.
Entre as demandas aprobadas hoxe inclúese que o Goberno e a Comisión Europea continúen co proceso de modernización da rede de mercadorías do Arco Atlánrico e as conexións de Vigo co resto de Europa. A esta súmase a dotación ao espazo ferroviario de Guixar de todo o necesario para o desenvolvemento loxístico que reclama a modernización do transporte ferroviario no porto.
O acordo plenario contempla reclamar a ampliación da terminal de Guixar utilizando os terreos de ADIF, así, como que a de Bouzas sexa destinada polo porto á exportación de automóbiles de Stellantis, “razón que imposibilita calquera terminal ferroviaria”.
No Pleno de hoxe rexeitouse a construción dun ferrocarril a Bouzas por “romper e producir un dano irreversible” á cidade, e o apoio ao proxecto da nova autovía Vigo-Porriño en túnel.
Os corporativos acordaron demandar ao Goberno de España a liberalización da peaxe en toda a autoestrada AP9 e con carácter prioritario no tramo Vigo-Pontevedra e recoñeceron as rebaixas aplicadas polos gobernos socialistas de Pedro Sánchez e José Luís Rodríguez Zapatero.