Caballero confirma que a alta velocidade Vigo – Ourense por Cerdedo dará un paso definitivo nas próximas semanas
O alcalde participou esta mañá nunha reunión na que o Ministerio de Transportes asegurou que en dous meses sairán a licitación, de forma conxunta, os estudos necesarios para a aprobación do estudo informativo e para a declaración de impacto ambiental do trazado.

Segundo explicou o rexedor “constátase a absoluta vontade e determinación política do Ministerio de Transportes de facer o Vigo–Madrid directo por Cerdedo”, cun "compromiso total”.
Para Caballero, o Goberno de España cumpre co acordado na derradeira xuntanza en Madrid para que os prazos sexan os máis breves posibles. “En febreiro de 2027 sae a exposición pública todo o traxecto, uns poucos meses despois, no 2027, aprobarase a DIA e comezará a licitación do proxecto que terá un custe de 50 millóns de euros. Isto é irreversible”, afirmou.
Para reducir os tempos, o Ministerio e o Concello acordaron a tramitación simultánea da Declaración de Impacto Ambiental e dos proxectos ulteriores: “a aprobación de estudo informativo, a información pública, audiencia ás administracións, análise de alegacións e a proposta concreta” van ir nunha liña e, en paralelo, desenvolverase a liña de toda a parte medioambiental: o estudo complementario do CSIC, o estudo arqueolóxico, o estudo de fauna que require un ciclo dun ano,o estudo de toda a vexetación da zona, tendo en conta que unha parte está incluída na Rede Natura, o estudo hidroxeolóxico, estudo de ruídos...”
Todos estes estudos faranse de forma simultánea para avanzar na tramitación de xeito que en febreiro de 2027 a liña de alta velocidade Vigo-Ourense por Cerdedo sairá a información pública. “A certeza e posición política sobre que o Goberno de España realizará esta obra é total”, expresou Caballero ao remate do encontro.
Para o alcalde as decisións tomadas hoxe constatan que os tempos do proxecto se van reducir “a unha terceira parte”, ao contrario do que “algúns dicían; dicían que non se ía facer. A reunión certifica que se vai facer o Vigo-Madrid por Cerdedo”.
Na reunión deste mércores participaron o director xeral do sector ferroviario, Carlos Juárez, e o subdirector xeral de planificación ferroviaria, Francisco Sánchez Ayala.
A previsión é que en febreiro de 2027 saia a exposición pública todo o conxunto do traxecto e, “inmediatamente despois”, a declaración de impacto ambiental. A partir de aí, licitaranse os proxectos por un valor de 50 millóns de euros. “Saio da reunión moi satisfeito. Puiden comprobar que no Ministerio teñen todo programado e medido e de acordo co que lles propuxemos hai unhas semanas en Madrid: o prazo mínimo legal para todo e naquilo que depende do técnico, velocidade de cruceiro”.