Vigo pon en marcha distintos campamentos para a conciliación no Nadal
O Vigo Inclusivo para o Nadal aínda ten prazas dispoñibles. Amais o Concello programa campamentos lúdicos para a mocidade de entre 3 e 12 anos e o campus polideportivo de Reis en xaneiro.
O primeiro campamento de Nadal do programa municipal “Vigo Inclusivo” arrincará o próximo luns 23 de decembro no Verbum e aínda quedan prazas dispoñibles. “Un novo servizo que queremos facilitar á cidade”, explicou, ao recordar que os campamentos se estenden xa a todos os períodos non lectivos. O programa está dedicado a persoas de entre 3 e os 64 anos empadroadas en Vigo.
Entre as actividades destacan a xincana de Nadal, obradoiros con distintas actividades como o amigo invisible, a creación dun photocall ou cociña de repostería e a montaxe de adornos de Nadal. Amais, están programadas para as xornadas das actividades - 23, 24, 26, 27 e 30 de decembro e 2 e 3 de xaneiro de 2025 – festas temáticas, un “Got Talent” de baile, cine e unha viaxe na bus turística do Nadal.
Con este programa o Concello favorece o ocio, a educación non formal e o desenvolvemento integral das persoas con diversidade funcional, á vez que permite a conciliación familiar en todos os períodos de vacacións.
Tamén as nenas e nenos de entre 3 e 12 anos poderán participar de forma gratuíta nos obradoiros creativos e xogos educativos dirixidos a promover valores de igualdade en varios espazos da cidade:
- Oficina municipal de Teis os días 23, 26, 27 e 30 de 10:00 a 13:00 horas e os sábados 21 e 28 de 10:00 a 12:30 horas
- Oficina municipal de Bouzas os días 21, 23, 26, 27, 28 e 30 de 10:00 a 12:30 horas
- Centro de Documentación Feminista, na rúa Joaquín Yáñez, os días 23, 26, 27 e 30 de decembro de 09:30 a 14:00 horas e os sábados 21 e 28 de 10:30 a 13:30 horas.
A inscrición pode realizarse ao comezo da actividade, sen necesidade de participar durante todo o horario do campamento.
A estas actividades súmase tamén o campus polideportivo nas Travesas con 150 prazas para nenas e nenos de entre 6 e 14 anos. “Un campus de inverno aberto para nenas e nenos da cidade”, apuntou, que terá lugar o xoves 2 e o venres 3 de xaneiro no Complexo Deportivo das Travesas en horario de 9,00 a 14,00 horas.
A cativada participante realizará actividades de balonmán, fútbol sala, voleibol, bádminton e atletismo, entre outras modalidades deportivas.