A rúa Teixugueiras abre parcialmente ao tráfico
As obras de humanización completa da rúa, cun orzamento superior aos 2,6 millóns de euros, ten prevista a súa finalización para o mes de marzo de 2025.
“Seguimos avanzando coa humanización da rúa Teixugueiras que faremos en altísimo estándar”, explicou o rexedor vigués, ao dar conta este venres da apertura ao tráfico do tramo que comprende dende a rúa Limpiño ata a rotonda do Froiz.
Tal e como sinalou, esa parte da humanización conta xa cos pasos de peóns resaltados malia que non está rematada completamente, xa que queda pendente a sinalización horizontal entre outros detalles. A previsión municipal é que os traballos rematen no mes de marzo do vindeiro ano.
Caballero apuntou que, malia ser unha vía de construción recente, Teixugueiras foi executada “nunhas condicións lamentables e en poucos anos deteriorouse moito”. O Concello investirá máis de 2,6 millóns de euros na humanización.