O Concello concedeu 4.380 axudas de emerxencia en 2024 que beneficiaron a 11.823 persoas
A Xunta de Goberno aprobou este venres as bases e a convocatoria das axudas de 2025 para atender as situacións de de emerxencia social, evitar desafiuzamentos e proporcionar bonotaxi para persoas con discapacidade para 2025, por un importe de 1.300.000 euros, ”ampliable en toda a cantidade que sexa preciso porque a nosa posición é que estas axudas son imprescindibles para moitas persoas”, asegurou Abel Caballero.
Abel Caballero explicou o acordo adoptado hoxe polo goberno municipal que anticipa o gasto de 1.350.000 euros presupostados en 2025 para axudas de emerxencia social, bonotaxi para persoas con discapacidade e para necesidades de melloras no fogar coa finalidade de que os beneficiarios perciban o apoio económico municipal desde xaneiro. “Aprobamos a partida orzamentaria, coa ampliación que sexa precisa” ao longo do ano que vén.
O alcalde detallou que na última comisión deste ano aprobáronse 169 axudas de emerxencia cun importe de 51.000 euros, co que se resolveron practicamente todas as pendentes. Destas, 51 foron para alimentación por importe de 17.245 euros, outras 51 para vivenda, por 26.689 euros; 50 destináronse a subministracións, por 2.492 euros e 8 atenderon gastos médicos, por 2.622 euros.
Caballero destacou que en 2024 o Concello concedeu 4.380 axudas por un importe de 1.439.103 euros, beneficiando a 11.823 persoas. “Somos o único concello que temos estas axudas, ninguén máis o ten, nin en gobernos do PP ou do BNG porque aplicamos a máis importante política que se aplica en ningún outro concello de Galicia”.