O Concello reforzará o transporte público durante o Nadal con servizos especiais nocturnos
Seguindo o éxito da experiencia de reforzar o transporte público durante as festas do verán, o Concello adoptou de novo a decisión de ampliar os horarios do autobús urbano cun servizo especial nocturno. Caballero avanzou que durante as noites do 24 e 31 de decembro, a concesionaria activará un dispositivo singular que dará comezo ás 02,00 horas e estará en funcionamento ata ás 07,00 horas.
Con motivo das celebracións do Nadal, a concesionaria do transporte público de Vigo porá en marcha, a partir do próximo luns 23 de decembro e ata o 2 de xaneiro, un servizo especial nocturno da liña C1, dispoñible de domingo a xoves, de forma que se realizarán 6 novas saídas desde Praza de América cada 30 minutos entre as 22,50h e ata as 01,20 h. En concreto, os días que terá lugar este servizo especial serán o luns 23, xoves 26, domingo 29, luns 30 de decembro e xoves 2 de xaneiro e que se veñen a sumar ao servizo nocturno que xa funciona 24 horas os venres e sábados.
Esta iniciativa responde ao aumento de desprazamentos durante esta época do ano debido a ceas, encontros, celebracións e ao incremento de turistas que visitan a cidade para gozar das luces.
Dende o pasado mes de outubro, preto de 20.000 persoas empregaron algunha das tres liñas do servizo especial nocturno (C1 nocturna, N1 e N4) para desprazarse pola cidade durante os venres e sábados pola noite. O acendido das luces o pasado sábado 16 novembro rexistrou 1.340 viaxeiros, o que supuxo o inicio dunha tendencia positiva que se manifestou novamente na ponte da Constitución cando o xoves 5 de decembro -o servizo tamén estivo en activo durante este día- se rexistraron un total de 1.355 viaxeiros.
Ademais, durante as noites do 24 e 31 de decembro, Vitrasa tamén activará o servizo especial nocturno que dará comezo ás 02,00 horas e estará en funcionamento ata as 07.00 horas.
Servizo seguro, cómodo e sostible
O alcalde explicou que o servizo especial nocturno está deseñado para facilitar a mobilidade segura, cómoda e sostible, ofrecendo unha alternativa ao uso do coche particular. Con esta opción, búscase reducir os atascos e fomentar o uso do transporte público nun momento de gran afluencia.