Torneo de Nadal de fútbol contará con 160 equipos e 2.200 participantes
O Torneo Concello de Vigo de fútbol 8 e fútbol 11 disputarase do 26 ao 29 deste mes en once campos municipais da cidade, estendéndose así por numerosas parroquias de Vigo na súa décima edición, que supera calquera rexistro pasado coa inscrición de 160 equipos.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente da Asociación de Fútbol Afeccionado, Daniel Costas, e representantes de clubs e Federación Galega, avanzou tamén que o evento crece ao incorporarse a categoría cadete (fútbol 11) ás xa existentes, todas mixtas: prebenxamín, benxamín, alevín, competicións de fútbol 8, e infantil (fútbol 11).
“O torneo é unha forma de vertebrar esta cidade”, subliñou o rexedor, que incidiu na gran participación de clubs vigueses (vinte e seis dos trinta e dous rexistrados son da cidade): “Nestes clubs está representado todo o territorio, os 110 quilómetros cadrados de Vigo”, dixo Caballero.
Para nenos de 6 a 15 anos, a organización calcula uns 2.200 participantes, cos dous primeiros días (tardes de xoves e venres) para a fase de grupos, o sábado para os cruces e o final alevín, reservando o domingo para o “Súper 8”, o torneo internacional alevín, e para as semifinais e finais prebenxamín e benxamín de fútbol 8, en Navia, a máis diso para as de fútbol 11 (infantil e cadete), na Xunqueira (San Andrés de Comesaña).
Daniel Costas, presidente de Afavi, é o director do torneo por encargo de Concello de Vigo. O alcalde valorou a súa figura como representación do “músculo e a capacidade desta cidade para a organización”. Precisamente outra novidade deste ano será o peso deportivo da propia Afavi no evento. O torneo internacional Sub-12, cos habituais Celta, Deportivo, CD Lugo e Pabellón de Ourense, completarase co campión do torneo alevín, os lusos FC Porto e Sporting de Lisboa e unha selección viguesa composta por xogadores dos clubs pertencentes a Afavi, ás ordes de Víctor González (ED Vigo 2015).
O evento suporá, entre fase de grupos e eliminatorias polo título -non hai consolación- a disputa de case catrocentos partidos. Comezou no nadal de 2013, parou pola pandemia (2020 e 2021) e reanudouse no 2022.