Abel Caballero: “A autovía entre Vigo e O Porriño en túnel está en marcha de xeito irreversible”
O rexedor deu conta da publicación no Boletín Oficial do Estado de hoxe do documento técnico do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible para someter a información pública o estudo de impacto ambiental do tramo da autovía A-52, entre Vigo e O Porriño.
“Que toda a cidade o saiba, hoxe o BOE somete a información pública o estudo de impacto ambiental do tramo da autovía A-52, entre Vigo e O Porriño”, indicou o rexedor, explicando que Vigo quedará conectada de forma directa coa A-52 atravesando Puxeiros en túnel, cun proxecto valorado en 398,4 millóns de euros.
A alternativa exposta ten unha lonxitude aproximada de 10,5 km en tronco e conta cun túnel cun tubo para cada calzada, detallou este mércores, incidindo en que a conexión por túnel entre Vigo e O Porriño “converterase na obra pública máis importante de Galicia”.
Cando finalice o período de presentación e resolución das alegacións, procederase a redactar o proxecto, xa contratado, para o trazado e para o proxecto construtivo e acto seguido, licitarase a obra.
O obxectivo do proxecto é definir unha variante de trazado para dar continuidade á A-52 desde O Porriño ata Vigo, onde se conectará coa A-55 na zona do nó de Baruxáns, na contorna do núcleo de Bembrive, buscando crear unha conexión máis directa entre ambos os municipios para mellorar a conectividade e as condicións de circulación e seguridade viaria.
Este trazado discorre por 3 municipios de Pontevedra: Porriño, Mos e Vigo e componse, basicamente, de tres tramos diferenciados:
- No primeiro, defínese a subida ata o túnel, no lado Mos – Porriño, mediante unha sucesión de curvas que permiten materializar a transición nas condicións de circulación entre un tramo interurbano e outro de carácter periurbano.
- No segundo, implantar a sección en túnel cun tubo para cada calzada.
- No terceiro, materialízase a baixada cara a Vigo cunha proposta de deseño consistente igualmente nunha sucesión de curvas ata o armazón urbano
No deseño contemplouse tamén a definición de dous enlaces. No inicio, a adecuación do itinerario Mos - Porriño, para resolver a conexión coa A-55 e A-52, e as estradas nacionais N-120 e N-550.