Vigo urxe á Xunta “toda a información dispoñible” sobre o túnel de Beiramar
Abel Caballero trasladou o seu descontento coa carta enviada ao Concello pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas carente de información: “non se trata un investimento desta envergadura en tres liñas”.
O goberno municipal reclama nunha misiva dirixida á Xunta de Galicia “toda a información dispoñible, o anteproxecto, de que forma se deseña, a que zonas afecta” porque “sen esa información da Xunta non podemos convocar a comisión de infraestruturas”.
O alcalde criticou este martes a “claramente insuficiente información” recibida polo Concello nunha carta remitida pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas onde “se limita a dar o cálculo do custo do túnel, sen dar datos sobre o proxecto. E engadiu que “non se trata un investimento desta envergadura con tres liñas dunha carta. Non se negocia con outra administración enviando unha carta, unha páxina, en lugar dun proxecto enteiro para un investimento de máis 100 millóns de euros”.
Así, urxe ao goberno autonómico a que remita “a base dos cálculos e como se fixeron para empezar a tomar as nosas decisións ao respecto. Canto antes envíen esa carta, mellor; antes poderemos reunir a comisión de infraestruturas e acordar. Nós temos présa e moita”.
Con todo, apuntou Caballero “a nosa prioridade temporal é o túnel de Elduayen ata Torrecedeira, polo que urximos á Xunta e a Patrimonio Histórico a que non o atrasen máis, a que dean o visto bo para proceder co túnel. Os dous proxectos están parados na Xunta de Galicia”.