Escoitar

A Cabalgata de Reis percorrerá Camelias con saída desde a Avenida de Castelao e chegada á Praza do Bicentenario

O alcalde deu a coñecer este luns o percorrido da cabalgata tradicional que repite o itinerario da pasada edición. A cabalgata estática poderá visitarse durante a mañá na Avenida de Castelao. As carrozas evocarán os “Contos de Nadal”.

luns, 16 dec 2024

O Concello organiza o domingo, 5 de xaneiro, a Cabalgata de Reis da cidade que, este ano, volverá contar con dúas modalidades: estática pola mañá, na Avenida de Castelao, e a tradicional pola tarde. Amais, os Reis Magos visitarán pola mañá os hospitais e centros asistenciais vigueses para visitar a todos os nenos e nenas que se atopen ingresados.

Tal e como explicou Abel Caballero, a cabalgata tradicional este ano evocará os “Contos de Nadal” e iniciará o seu percorrido ás 18:00 horas da tarde desde a Avenida de Castelao, percorrendo Praza América, pasando pola rúa Álvaro Cunqueiro e tomando a rúa Camelias para finalizar na Praza do Bicentenario.

A previsións municipal é que participen 11 carrozas: 5 son municipais (Policía Local, Carteiro Real, Melchor, Gaspar e Baltasar) e 6 son carrozas de empresas colaboradoras. Sobre as 20:30 horas as Súas Maxestades serán recibidas na Porta do Sol onde “se dirixirán ás nenas e nenos alí congregados”, unha vez que teñan ao seu dispor as chaves da cidade que lles entregará o alcalde.

Papá Noel percorre a cidade

O rexedor avanzou tamén que Papá Noel empezará a percorrer os barrios da cidade esta tarde recollendo as cartas e desexos das nenas e nenos. Amais, segue aberta a caseta situada en Policarpo Sanz para poder saudalo.

Hoxe luns Papá Noel estará de 17 a 18:15 horas na Praza do Emigrante e posteriormente trasladarase ao Calvario. Ata o 23 de decembro estará tamén nas Travesas, Balaídos, Travesía, Torrecedeira, Pi y Margall e Camelias, Teis, Bouzas e Navia.

O Carteiro Real recollerá a testemuña de Papá Noel a partir do día 27 de decembro e visitará as mesmas zonas ata o 4 de xaneiro.

 

Descargar todas as imaxes