O goberno municipal recupera o Pazo da Raposeira para o uso da cidadanía
O Concello inaugura este xoves a renovación do histórico pazo situado en Sárdoma, que se poñerá a disposición da cidade, logo dun investimento superior a 1,8 millóns de euros. “Recibímolo nun estado lamentable e practicamente en ruína”, apunta o alcalde.

“Unha gran rehabilitación que queremos poñer a disposición da cidade”, avanzou Abel Caballero, ao explicar a rehabilitación integral acometida polo goberno municipal no Pazo da Raposeira, un pazo histórico da cidade que “recibimos nun estado lamentable e practicamente en ruína”.
O Concello investiu 1.850.000€, dos que case 1,5 millóns proceden do Plan de Recuperación, Transformación e Resilencia do Goberno de España financiado polos Fondos Europeos NextGeneration EU. A rehabilitación incluíu, ademais do edificio principal, as edificacións exteriores: palleira, crucería, estanque, mesas, columnas… e permitiu recuperar toda a zona verde, arborado e, de forma especial “un hórreo precioso”.
“Acabáronse para sempre os tempos nos que os edificios non se abrían á xente. Recuperamos un gran pazo histórico para a cidadanía”, sinalou o alcalde que participou xunto a Carmela Silva, primeira tenente de Alcalde e responsable da área de Patrimonio Histórico, na visita teatralizada coa que o novo espazo quedou inaugurado este xoves.
Sobre os usos do Pazo da Raposeira, o alcalde explicou que a primeira planta, distribuída en 4 salas, será cedida á Asociación de Veciños de Sárdoma para que o xestionen. Haberá tres salas con zona de estudo, biblioteca e un espazo dedicado a atención cidadá. A Capela será un espazo para visitar e poderá acoller actos de formato reducido.
Na 2ª planta situaranse os servizos municipais de orientación laboral, emprego e emprendemento e haberá outra sala de uso cidadá para celebrar conferencias, debates, reunións... Na terceira planta, na Torre, o goberno municipal celebrará Xuntas de Goberno e servirá como sala de reunións para o uso de colectivos da cidade.
No tocante ao gran xardín situado no lateral do edificio principal, será un espazo para concertos, teatro e para o uso de asociacións culturais e veciñais de forma que poidan desenvolver alí as súas actividades.





