Escoitar

O alcalde destaca o "acordo" co comercio vigués na fixación da zona de grande afluencia turística

Os comercios do Casco Vello e Bouzas poderán ampliar o seu horario habitual logo do "acordo significativo" acadado entre o Concello e os representantes do pequeno e mediano comercio vigués. Abel Caballero informou este luns do resultado das reunións mantidas para establecer unha zona de liberalización horaria que non prexudique aos pequenos e medianos establecementos.

luns, 16 mai 2016
Abel Caballero informou este luns do "acordo significativo" acadado entre o Concello e o comercio vigués para propoñer a consideración do Casco Vello e Bouzas como zonas concretas de grande afluencia turística, de maneira que poden ampliar o seu horario habitual, podendo abrir tamén os domingos e festivos, logo de dous meses de reunións co sector e de recibir "apoio por escrito dun enorme número" de entidades comerciais, asociacións, consumidores e sindicatos.

Para o rexedor, a decisión tómase tendo en conta que o comercio "debe equilibrar a atención aos usuarios, aos comerciantes e aos traballadores do pequeno e mediano comercio", un equilibrio que, coa fixación desta zonas, "está conseguido" en Vigo.

A Lei de Horarios Comerciais do Goberno obriga ás cidades de grande afluencia turística; isto é, a aquelas de máis de 100.000 habitantes que superan as 600.000 pernoctacións, a liberalizar os horarios comerciais establecendo zonas específicas. Vigo está nesta categoría. Caballero, criticou a norma ao considerar que "arremete contra o pequeno e grande comercio por obrigalos a competir en domingos e festivos coas grandes superficies".