Escoitar

O alcalde anuncia que "en dúas semanas" publicarase a lista dos candidatos ao aluguer das 35 vivendas protexidas en Navia

O Concello de Vigo recepcionou este luns as 35 vivendas que lle corresponden por lei por ter cedido o solo para a construción dun edificio en Navia con pisos de protección oficial. Segundo adiantou Abel Caballero, nun prazo de dúas semanas sairá publicada a lista provisional de admitidos e excluídos para o sorteo. Os alugueres oscilarán entre os 115 e os 166 euros mensuais.

luns, 2 abr 2012
1333367531navia.jpg
O alcalde, nunha visita anterior a Navia
O alcalde recordou que estas 35 vivendas correspóndenlle ao Concello de Vigo por ter cedido de balde o solo para a edificación, xa que a lei estipula un retorno do 10% das vivendas erixidas.

Unha vez recibidas hoxe de xeito oficial, o goberno de Vigo inicia o procedemento cara á adxudicación das mesmas en réxime de aluguer, proceso ao que optaron durante o prazo estipulado un total de 1.636 persoas.

En dúas semanas, a web municipal publicará o listado de admitidos e excluídos para o sorteo, tras o que abrirase un prazo de 10 días para corrección de erros, que precederá á publicación do listado definitivo. Unha vez aprobado fixarase unha data para o sorteo ante notario, en cada unha das tres modalidades.

Abel Caballero recordou que o Concello ofertou estes pisos en aluguer divididos en tres tramos: 6 vivendas para persoas con mobilidade reducida, outras 13 para unidades familiares con rendas non superiores ao 1,5 sobre o IPREM, 9 máis para unidades con ingresos entre o 1,5 e o 1,5 sobre o IPREM, e 7 reservadas para atender situacións de emerxencia social.

As vivendas teñen entre 80 e 90 metros cadradas e todas elas contan con praza de garaxe e rocho. O prezo de aluguer das mesmas oscilará entre os 115 euros mensuais da máis barata e os 166 euros da máis cara.
Descargar todas as imaxes