Escoitar
XERENCIA MUNICIPAL DE URBANISMO<br /> SERVIZO DE INSPECCIÓN TÉCNICA DE EDIFICIOS<br />

Bando da Inspección Técnica de Edificacións -ITE- 2011

Lémbrase á cidadanía que, de acordo co sinalado na disposición transitoria única da vixente Ordenanza municipal reguladora da Inspección Técnica de Edificacións (ITE) do Excmo. Concello de Vigo, durante este ANO 2011 deberán pasar a súa primeira inspección AS EDIFICACIÓNS CONSTRUÍDAS ENTRE 1970 E 1980.

venres, 5 ago 2011
A listaxe destas edificacións atópase a disposición dos interesados para a súa consulta na páxina web do Concello http:// hoxe.vigo.org/ movemonos/urbanismo4.php e no taboleiro de anuncios do Concello e da Xerencia de Urbanismo.

QUE É A ITE?

A ITE é unha INSPECCIÓN QUE DEBERÁN PASAR TODAS AS EDIFICACIÓNS, CALQUERA QUE SEXA O SEU DESTINO (vivendas, oficinas, industria, comercio, etc.), EN FUNCIÓN DA SÚA ANTIGÜIDADE PARA ACREDITAR O SEU ESTADO DE SEGURIDADE CONSTRUTIVA. Permitirá que se acometa, a tempo, a execución das medidas inmediatas que eviten tanto os riscos para a seguridade das persoas coma a necesidade de afrontar reparacións máis complexas e custosas.

QUEN ESTÁ OBRIGADO?

Todos/as os/as propietarios/as, persoas físicas ou xurídicas titulares de calquera tipo de ben inmoble.

COMO SE PASA A INSPECCIÓN?

A inspección debe realizarse por profesionais independentes legalmente facultados para levar a cabo esta función. As persoas propietarias deberán encargar a un/unha técnico/a competente a expedición do informe de inspección e facilitará á dito/a técnico/a a visita de inspección a todas as dependencias do edificio. Unha vez efectuada a inspección, farase constar o seu resultado nun impreso normalizado, que deberá ser presentado no colexio profesional correspondente e no Rexistro Xeral da Xerencia Municipal de Urbanismo. O seu resultado quedará reflectido nun rexistro de edificacións creado para o efecto.

CANTO CUSTA?

O seu custo será o libremente pactado cos profesionais que a propiedade ou comunidade de propietarios contrate para realizar a inspección. A finais deste ano 2011 haberá unha nova Convocatoria de axudas para sufragar o custo do informe de ITE das persoas físicas que carezan de recursos suficientes para a súa realización e que sexan propietarias dun único ben inmoble que sexa a súa vivenda habitual.

PODEN SANCIONARME POR NON PRESENTAR O INFORME?

O incumprimento de presentación do informe en prazo constitúe unha infracción urbanística leve, sancionable con multa de 300 a 6000 €. Non se poderán conceder axudas municipais á rehabilitación total ou parcial das edificacións sen cumprir en prazo coa obriga de presentar o informe de ITE.

Para calquera aclaración pode consultar a páxina web do Concello ou chamar ao teléfono de información de atención cidadá "010".

Vigo, 29 de xullo de 2011

O ALCALDE - PRESIDENTE DA XERENCIA MUNICIPAL DE URBANISMO,

Abel Caballero Álvarez