Escoitar

O alcalde anuncia a modificación do plan urbanístico do Casco Vello para "salvagardar integramente a Panificadora"

Abel Caballero avanzou este luns que a Xerencia de Urbanismo do próximo xoves aprobará a suspensión de licenzas no ámbito e iniciará o procedemento de modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello para evitar a edificación na parcela e "recuperar para a cidadanía" a Panificadora. Os usos pasarán a ser maioritariamente públicos. "Vigo ten que manter e recuperar as súas tradicións", concluíu.

luns, 18 out 2010
1287405942017.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou este luns a decisión municipal de "salvagardar integramente a Panificadora", para o que suspenderanse a concesión de licenzas no ámbito e procederase á modificación puntual do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello (PEPRI).

O obxectivo municipal pasa por recuperar un dos "ámbitos de máis tradición" na cidade, "exemplo" da industria da primeira metade do século vinte que "deixou impronta" nos vigueses. Con esta decisión evítase o derrubo e posterior edificación na parcela, tal e como actualmente permite o PEPRI -aprobado en marzo de 2007- que será agora modificado. Os seus usos pasarán a ser maioritariamente dotacionais e públicos.

"É preciso salvar a Panificadora", asegurou Abel Caballero, quen apoiou a decisión do Concello na opinión de distintos colectivos cidadáns e na de dous prestixiosos arquitectos que visitaron a cidade, como Rafael Moneo e Thom Mayne.

A suspensión de licenzas e modificación do PEPRI do Casco Vello no que atinxe á Panificadora non suporá custe algún para o Concello, indicou Caballero tras ser cuestionado. A propiedade é privada pero non sería preciso unha indemnización. O alcalde tamén aclarou que o ámbito da Panificadora non se ve afectado polo proxecto de Rafael Moneo para o entorno da Praza do Rei.

Tal e como explicou o alcalde ante os medios de comunicación, o Consello da Xerencia municipal de Urbanismo aprobará previsiblemente a suspensión de licenzas e o inicio da modificación do PEPRI para despois ser debatido no Pleno da Corporación deste mes de outubro.
Descargar todas as imaxes