Escoitar

O Verbum conmemora o seu séptimo aniversario con xornadas de portas abertas ata o 25 de abril, teatro e obradoiros

O concelleiro de Cultura, Xesus López, e o director do Verbum-Casa das Palabras, Rosendo Covelo, presentaron este luns a programación que se desenvolverá no museo con motivo do seu séptimo aniversario. Explicaron que do 20 ao 25 de abril serán xornadas de portas abertas e estes días haberá tamén espectáculos teatrais e obradoiros para todos os públicos, así como o XV Congreso de Ponte nas Ondas e unha actuación no marco do Festival Sinsal.

luns, 19 abr 2010
1271677899ANIVERSARIOVERBUM.JPG
Xesus López lembrou que o nacemento do museo Verbum foi "cando menos peculiar, como un espazo excepcional, pero que houbo que encher de contido co paso do tempo". Neste sentido destacou que o tratamento que se lle ten aplicado "é axeitado" tal e como o amosa o incremento no seu número de visitantes, ao pasar dos 30.000 no 2008 aos 36.000 no 2009, "o que supón un aumento do 19,5%", apuntou Rosendo Covelo.

"O 25 de abril de 2003 comezou o Verbum a súa difícil andaina e hoxe xa é un espazo referente da nosa cidade", destacou o concelleiro de Cultura. No tocante ao impulso que se lle está dando ao museo, Xesus López anunciou que o Plan Director do Verbum se atopa "nun estado moi avanzado".

O director do Verbum deu conta das diferentes actividades que o museo acollerá estes días e animou á cidadanía a visitar as súas instalacións, aproveitando que a entrada será de balde do 20 ao 25 de abril. Indicou que o venres 23 e o sábado 24 terá lugar o XV Congreso Ponte nas Ondas, unha iniciativa que busca potenciar o patrimonio inmaterial da Eurorrexión. Ademais sinalou que participarán destacadas figuras neste eido e no campo da comunicación, como Manuel Campo Vidal.

O 23 de abril ás 18 horas, o día 24 ás 12 e ás 18 horas, e o día 25, tamén ás 12 e ás 18 horas terá lugar un espectáculo teatral inspirado nos contidos do museo, dirixido pola artista galega Ana Carril. O 23 de abril, ás 21 horas, o garaxe do Verbum acollerá un evento do Festival Sinsal, o Oneohtrix Point Never, que será o único para o que haberá que pagar entrada nestes días, que será de 7 euros.

Rosendo Covelo indicou que o 24 de abril, de 11 a 14 horas e de 16 a 19 horas, o Verbum tamén acollerá un obradoiro do laboratorio Alg-A. Xa o día 25, ás 19.30 horas, terá lugar o obradoiro Os Narigudos. "Trátase dun espectáculo contado con monicreques e música en directo dirixido para todos os públicos", sinalou. Ademais destes eventos relacionados co aniversario do Verbum, o director do museo indicou que tamén se celebrarán outras actividades, como a exposición "Álvaro Cunqueiro, Fotobiografía sonora", e os obradoiros "Se o vello Cunqueiro viñese ao Verbum..." e "Identidade e diferenza na literatura".

O concelleiro de Cultura felicitou ao director do Verbum "polo excepcional traballo que está a realizar". Así, expresoulle seus parabéns "polo novo enfoque que lle está dando ao museo, pola revisión dos 29 cubos que integran a exposición permanente, polo coidado da programación e por facer que o museo vaia ocupando un lugar central como centro da interpretación da palabra".

En resposta aos medios sobre a renovación dos cubos da exposición permanente explicaron que a primeira fase desta actuación é a elaboración do Plan Director, que xa se está ultimando. Sinalaron que o segundo paso e a modificación dos contidos que xa dende o principio tiñan unha concepción errónea. Ao respecto manifestaron a súa confianza de que antes de finais deste ano estean marcadas as liñas polas que irán esas modificacións.
Descargar todas as imaxes