mércores, 22 decembro 2010

O alcalde ultima con Vueling unha conexión aérea Vigo-Londres desde marzo ata outubro

Abel Caballero informou este mércores que está a punto de pechar as negociacións coa compañía para conectar Peinador con Heathrow desde o 29 de marzo ata o 30 de outubro, un total de 183 voos, 33.000 prazas e tres conexións semanais que subvencionará o Concello de Vigo con 650.000 euros. O obxectivo do alcalde é asinar o acordo antes de rematar o ano para iniciar a venda de billetes o un de xaneiro.

Caballero amosa a súa "satisfacción" pola licitación dos 238 millóns de euros da nova estación do AVE de Urzáiz

mércores, 22 dec 2010

O alcalde valorou este mércores positivamente a licitación do Ministerio de Fomento da estación de Vialia en Urzáiz, 153 millóns de euros que completan as catro patas na futura terminal do AVE, cun investimento total de 238 millóns. Caballero confirmou que o ministro José Blanco e o arquitecto Thom Mayne -quen ultima o proxecto- presentarán en Vigo no mes de xaneiro "unha das grandes estacións ferroviarias de España"

O tenente de alcalde reafirma o seu compromiso coas políticas sociais na visita ao centro de día de Coia

mércores, 22 dec 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, reafirmou hoxe o seu compromiso coas políticas sociais para acadar a mellora do benestar da cidadanía na visita que realizou xunto á concelleira de Benestar Social, María Méndez, ao centro de día de Coia, ubicado na rúa O Grove. Os nacionalistas anunciaron que no vindeiro pleno defenderán unha moción esixindo á Xunta que non recorte os orzamentos que debe aportar aos concellos para a área social. "Nós duplicamos o noso orzamento de Benestar para atender ás necesidades que ten a cidade, por iso nestes momentos non se pode permitir que a Xunta reduza as aportacións que ten que facer", dixo.

A Fundación ProVigo buscará novas vias de financiamento en proxectos estatais e europeos

mércores, 22 dec 2010

O alcalde e presidente da Fundación, Abel Caballero, presidiu este mércores a reunión do Padroado, que decidiu optar a formas de financiamento distintas ás habituais a través do Estado e da Unión Europea. Caballero recordou que a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra adeudan á ProVigo 150.000 euros pero a actividade da entidade continuará xa que "sintetiza o dinamismo económico e social desta cidade".

Santi Domínguez destaca o fin solidario de Vigolandia, que se celebrará no Ifevi do 26 ao 30 de decembro

mércores, 22 dec 2010

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou hoxe a nova edición de Vigolandia, que se desenvolverá no Ifevi do 26 ao 30 de decembro. O nacionalista salientou que esta iniciativa, unha das máis agardadas polos máis cativos da casa, non só ten como finalidade ofrecer un espazo de lecer e entretemento para toda a familia, senón que ten tamén un fin social moi importante xa que a recadación destinarase a entidades sociais da cidade.

O Auditorio Municipal acolle mañá xoves a actuación do coro Concento, dirixido por Joam Trilho

mércores, 22 dec 2010

A programación estable de artes escénicas que organiza a Concellería de Cultura e Animación Sociocultura no Auditorio Municipal continúa mañá cun concerto. Trátase da actuación que ofrecerá o coro Concento ás 20.30 horas, dirixido polo compopsitor Joam Trilho. O prezo das entradas é de 5 euros, que se poden adquirir na web www.laboleteria.es ou na propia taquilla unha hora antes do comezo do espectáculo.