Escoitar

O alcalde ultima con Vueling unha conexión aérea Vigo-Londres desde marzo ata outubro

Abel Caballero informou este mércores que está a punto de pechar as negociacións coa compañía para conectar Peinador con Heathrow desde o 29 de marzo ata o 30 de outubro, un total de 183 voos, 33.000 prazas e tres conexións semanais que subvencionará o Concello de Vigo con 650.000 euros. O obxectivo do alcalde é asinar o acordo antes de rematar o ano para iniciar a venda de billetes o un de xaneiro.

mércores, 22 dec 2010
1293026030IMG_0170.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este mércores que está "ultimando os detalles" para pechar un acordo con Vueling que una Vigo e Londres desde o 29 de marzo ata o 30 de outubro.

Segundo explicou, as negociacións contemplan tres frecuencias semanais desde Peinador a Heathrow -un dos principais aeroportos do mundo e conexión con todos os continentes- para un total de 183 vóos e 33.000 prazas, que conlevará unha subvención municipal de 650.000 euros.

"Con toda probabilidade vai ser pechado", apuntou Caballero, á falta de preparar unha "enmenda orzamentaria" para financiar a conexión, prevista para aprobación no Pleno da Corporación de mañá xoves. "Tense que pechar antes de fin de ano", co que o alcalde confia en asinar con Vueling antes do 31 de decembro para a saída á venda dos billetes desde primeiros de xaneiro.

"Estamos a facer todos os esforzos para recuperar Londres", unha conexión que Vigo tivo en 2008 e que a Xunta de Galicia decidiu non continuar sufragando en 2009. "O noso obxectivo real era Vigo-Londres", xa que ofrece transbordos para todo o mundo. "Creo que o imos conseguir", concluiu.

Preguntado polos periodistas, Abel Caballero confirmou que actualmente o Concello de Vigo mantén negociacións con outras compañías aéreas para o establecemento de novas liñas desde Peinador, aínda que non quixo desvela o contido das conversas.
Descargar todas as imaxes