Escoitar

O Auditorio Municipal acolle xoves e venres a obra para adultos "O clube da calceta"

A programación estable de teatro para adultos posta en marcha pola Concellería de Cultura e Animación Sociocultural para o primeiro semestre do 2008 continúa mañá e pasado, 8 e 9 de maio, coa obra "O clube da calceta", a cargo da compañía Teatro do Morcego. A representación terá lugar ás 21:00 horas e as entradas, cun prezo de 5 euros, xa están a venda nas instalacións da Central de Espectáculos (na rúa Velázquez Moreno, número 26) e por internet na web www.centralespectaculos.com. Unha hora antes do comezo do espectáculo, se todavía quedasen entradas, poden mercarse na propia taquilla do Auditorio.

mércores, 7 mai 2008
"O clube da calceta" narra a historia de seis mulleres moi diferentes entre si que acoden a clases de calceta, un lugar onde converxen as súas frustracións, pero tamén un lugar onde toman conciencia da súa situación e da necesidade de superala. A través dun espazo tan tradicionalmente feminino como a calceta, estas mulleres atopan no valor da unidade a forza para sobrepoñerse a un presente que as nega ou minusvalora. Na obra, dende a intriga e a hilaridade, emerxe unha profunda reflexión e revisión sobre a condición feminina. Inspiradas na figura liberadora da tía Davinia, Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda, as protagonistas van facendo ao público partícipe da súa historia desde un multiperspectivismo que desfai os fíos dunha sociedade machista.

Baseada na obra homónima de María Reimóndez, "O clube da calceta" está dirixida por Celso Parada. Compoñen o elenco Susana Dans, Laura Ponte, Maxo Barjas, Elina Luaces, Luisa Merelas, Inma Antonio e Mabel Ribera.

Teatro do Morcego é unha compañía fundada no ano 1989 polo actor e director Celso Parada e Isabel Ávila. Mantén a súa actividade ininterrompida desde entón, recibindo premios como os Compostela por "Misterio cómico" e "Doberman"; o María Casares por "Lazariño de Tormes", e sendo finalista en varias ocasións. Ten realizado importantes montaxes como "O burgués fidalgo", de Molière; "Os vellos non deben de namorarse", de Castelao; "A Gran ilusión", de Eduardo de Filippo, ou "Morte accidental dun anarquista", de Darío Fo, entre outras.


O teatro para adultos continuará os días 29 e 30 de maio coa obra "Por diante e por detrás", a cargo da compañía Máscara Produccións.