Escoitar

Vigo acolle esta fin de semana dous Campionatos de España Universitarios como apoio á Universiada

Vigo recibe esta fin de semana dous Campionatos de España Universitarios, as competicións de vela e taekwondo, cunha enorme participación, dentro do pulo que a candidatura viguesa pretende para organizar a Universiada de 2013. Os torneos presentaronse hoxe martes no edificio Miralles, do campus das Lagoas-Marcosende, con asistencia da vicerreitora de Extensión Cultural e Estudantes, María del Carmen Cabeza, o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso, os presidentes das federacións galegas de taekwondo,Merce Barrientos e vela,José Anxo Rodríguez e o vicepresidente do Club Náutico Punta Lagoa, Estanislao Durán.

martes, 6 mai 2008
1210080661presentacion1.jpg
Desde o venres 9 ata o domingo 11 de maio, case 300 participantes competirán polas medallas no pavillón das Lagoas (taekwondo) e en Punta Lagoa (vela). A vicerreitora subliñou que a inscrición "superou todas as expectativas" con 51 universidades e 207 participantes inscritos no campionato de taekwondo e 81 deportistas de vinte universidades de todo o estado na proba de vela.

Tanto desde o Concello como da Universidade se destacou na rolda de prensa "as posibilidades da Ría de Vigo, que son inigualables", como unha das bazas importantes da candidatura viguesa ante a FISU. Ademais, o concelleiro tamén asegurou que o traballo feito estes meses pola candidatura tivo un efecto inmediato a nivel estatal: "Chóvennos as ofertas para organizar eventos deportivos moi importantes porque as federacións viron o traballo que fixemos". Xabier Alonso lembrou igualmente que un dos valores que calou entre a comisión da FISU respecto da candidatura de Vigo foi "a implicación da Universidade no proxecto", que se segue demostrando con estes campionatos e que significou "consolidar os lazos" entre cidade e universidade.

Tanto Rodríguez como Durán manifestaron a súa sorpresa pola gran participación na proba de vela, que demostra que "este deporte é relativamente novo na Universidade pero con moito poder de convocatoria". Pola súa banda, Barrientos mostrouse satisfeita por que boa parte dos taekwondistas da selección galega son da Universidade de Vigo.
Descargar todas as imaxes