Escoitar

O Colexio de Enxeñeiros de Galicia apoia a candidatura de Vigo para a Universiada 2013

O Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia trasladou este martes o seu apoio á candidatura de Vigo para acoller a Universiada no 2013, segundo explicou o tenente de alcalde, Santi Domínguez tras a reunión que mantivo con varios representantes desta entidade. Ademais, o tenente de alcalde indicou que entre os temas tratados no encontro figura a celebración na cidade do primeiro congreso internacional de Enxeñería Civil.

mércores, 7 mai 2008
1210167065reunionenxeeiros.jpg
"Foi unha reunión moi grata", asegurou Santi Domínguez, quen sinalou que o decano do Colexio de Enxeñeiros de Galicia expresou o apoio a Vigo para a celebración da Universiada, para o cal firmaron unha carta de adhesión que remitirán proximamente. Ademais, no encontro os representantes da entidade trasladaron ao tenente de alcalde algunhas das súas necesidades para desenvolver este primeiro congreso internacional de Enxeñería Civil, en concreto en materia de instalacións culturais. Neste sentido, Santi Domínguez adiantou que este evento celebrarase no Centro Social Caixanova, mentres que o museo de Castrelos acollerá a exposición prevista con motivo das xornadas, facilitando así a súa organización.

O congreso, no que se darán cita profisionais de Galiza e o norte de Portugal, terá lugar na cidade no mes de outubro. "Vigo ten que apostar por este tipo de congresos", subliñou o tenente de alcalde, quen considera que a proposta formulada polo Colexio de Enxeñeiros de Galicia reviste unha gran importancia para a cidade.
Descargar todas as imaxes