O programa do Día das Letras Galegas, que inclúe unha nova edición do "Camiña e coñece", aposta pola galeguización da cultura <br />
"Acabar coas etapas de indefinición á hora de defender as nosas tradicións" é un dos obxectivos da programación coordinada dende a Tenencia de Alcaldía do Concello de Vigo con motivo da celebración do Día das Letras Galegas deste ano, segundo apuntou este martes o tenente de alcalde, o nacionalista Santi Domínguez. "O programa cultural inclúe actividades deportivas, culturais e lúdicas, como unha nova edición do Camiña e Coñece e un xantar romaría, porque se pode disfrutar coa música ou xantando en torno á nosa cultura e os nosos valores", subliñou o tenente de alcalde, quen na presentación das actividades estivo acompañado pola concelleira de Normalización Lingüística, Iolanda Veloso, o concelleiro de Cultura, Xesus López, e o concelleiro de Deportes, Xabier Alonso.
Iolanda Veloso, na súa intervención, indicou que a programación comezará o vindeiro 14 de maio, coa celebración do Correlingua, de xeito que a partires das 11 horas centos de rapazas e rapaces percorrerán as rúas de Vigo en prol da lingua. A partir do 16 de maio desenvolveránse actividades de títeres, en concreto este día ás 18.30 horas desenvolverase a primeira función na asociación veciñal de Lavadores. Tamén o 16 de maio a praza da Constitución acollerá, a partir das 19 horas, o espectáculo literario-musical "Fóra do sagrado".
O día 17, a quinta edición do "Camiña e coñece", abrirá os actos previstos para ese día. Esta iniciativa terá este ano un "carácter especial", segundo sinalou a concelleira de Normalización Lingüística, posto que está adicado ás letras. Deste xeito, visitaranse rúas da cidade moi vencelladas a nosa cultura, "nalgúns casos descoñecidos para a cidadanía -sinalou Iolanda Veloso- como o lugar onde se publicou o primeiro libro de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro ou onde viviu o primeiro en traducir do grego antigo ao galego a Ilíada". Segundo a concelleira do BNG, "Vigo é unha cidade "de moita relevancia para a cultura e as letras galegas". Ao remate na praza do Rei, aproximadamente ás 13.30 horas, haberá autobuses a disposición das persoas que o desexen para o seu traslado ao parque de Castrelos, para participar nun xantar popular.
No "Xantar-romaría das Letras", que dará comezo ás 14 horas, os participantes poderán levar a súa propia comida ou ben recoller a súa "Cesta das Letras", tras presentar o xustificante de pago. A cesta, que está pensada para catro ou seis persoas a un prezo de doce euros por persoa, inclúe diversas bebidas, lacón, queixo de tetilla, polbo á vinagreta, ensalada rusa, chourizos galegos, lombo, iogur e torta de améndoas e froita, así como un mantel e as cuncas correspondentes gravadas cunha lenda conmemorativa. O xantar, para o cal instalarase unha carpa e mesas, estará animado polo grupo de gaitas Zurrumalla. Pola tarde, ademais de música, haberá xogos populares tanto para adultos como para nenos e nenas, así como a posibilidade de participar nas visitas guiadas organizadas polo museo de Castrelos para percorrer a exposición "Xosé María Álvarez Blázquez, arqueólogo de Vigo". "Queremos que no parque de Castrelos se celebre unha festa na que poida participar toda a cidadanía", salientou Iolanda Veloso.
Nun día tan importante para as Letras Galegas, tamén desenvolveranse actividades relacionadas con Xosé María Álvarez Blázquez, o homenaxeado deste ano. Así, o Verbum acollerá obradoiros para nenos e nenas, de 12 a 14 horas e de 17 a 19 horas, e lectura e gravación dunha selección de obras de Álvarez Blázquez, de 10 a 19 horas. Ademais, no Calvario, na praza da Independencia e na praza de Urzáiz haberá puntos de lecturas de fragmentos das obras do autor, e todas as persoas que participen na iniciativa recibirán un libro de agasallo.
Xa o 18 de maio, ás 12 horas, terá lugar a proxección do filme "O concursante", nos Cines Yelmo-Cineplex. E o 20 de maio, Pilar Barciela impartirá a conferencia "O arqueólogo Xosé María Álvarez Blázquez, buscador de tesouros", ás 20 horas na Casa Galega da Cultura, que inaugurará o día 21 de maio a mostra "A palabra e os días", sobre o traballo literario do homenaxeado. Os días 24 e 25 de maio continúan as actividades de títeres, en Saiáns e Candeán respectivamente, coa representación da obra "Polgariño", a cargo de Artello Teatro. "O Día das Letras Galegas non é simplemente un día festivo, senón que é o día da nosa cultura e este ano tamén o día da nosa cidade", concluiu a concelleira de Normalización Lingüística.