Escoitar

Constitúese o Comité Executivo do Desafío Atlántico de Grandes Veleiros 2009

O Comité Executivo do Desafío Atlántico de Grandes Veleiros constituiuse este mércores no Concello co obxectivo de dirixir a organización desta regata internacional anteriormente denominada Cutty Sark, que sairá desde o porto de Vigo en maio de 2009.

mércores, 31 out 2007
1193845864cuttysark311007.jpg
Os veleiros do Desafío Atlántico estarán en Vigo do 30 de abril ao 3 de maio de 2009. Durante eses cinco días, e con motivo da saída da regata, espérase que a nosa cidade reciba a visita de cerca de un millón de persoas. Para que Vigo estea á altura deste evento o Concello porá en marcha un sofisticado dispositivo no que participarán varios departamentos.

Así, a organización da saída do Desafío Atlántico centrarase, con carácter prioritario, nos aspectos de circulación, transportes e accesos ao porto, por un lado, e no control da seguridade e a atención a posibles emerxencias durante o evento, por outro. O Concello tamén se ocupará da organización de eventos sociais, deportivos e culturais ligados á saída da regata.

En novembro, unha delegación viguesa viaxará a Liverpool para participar, xunto coas delegacións dos outros portos que acollerán a proba, nunha reunión na que se irán perfilando as pautas organizativas da regata, de cara a unha nova xuntanza na mesma cidade en 2008.

Despois da súa saída de Vigo o 3 de maio de 2009, o Desafío Atlántico pasará por Tenerife (do 14 ao 17 de maio), as Illas Bermudas (do 12 ao 15 de xuño), a localidade canadense de Halifax (do 16 ao 19 de xullo) e, finalmente, Belfast, en Irlanda do Norte (do 13 ao 16 de agosto).

O Comité Executivo está formado por Abel Caballero, alcalde de Vigo; Santiago Domínguez, tenente de alcalde; Jesús Paz, presidente do Porto de Vigo; Juan José Escobar, capitán marítimo; Antonio Jover, da Comandancia Militar de Marina; Ánxela Bugallo, conselleira de Cultura; José Luis Méndez Romeu, conselleiro de Presidencia; Alberto Durán Núñez, da Durán Travel Agency; Lucy Watson, cónsul británica; José Ángel Rodríguez, da Federación Galega de Vela; Franco Cobas, do Real Club Náutico; Xoán Ramón Carballo, do Liceo Marítimo de Bouzas; Francisco López Peña, presidente da Zona Franca, e Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra.

Descargar todas as imaxes