Escoitar

O Consorcio do Casco Vello pon en marcha un concurso para conectar transversalmente esta zona da cidade

"Cambiar a fisonomía do Casco Vello de Vigo e mellorar a súa accesibilidade" é o obxectivo que segundo o presidente do Consoricio do Casco Vello e tenente de alcalde, Santi Domínguez, ten a convocatoria do concurso público para realizar a conexión transversal do Berbés, o Paseo de Alfonso e o Castelo de San Sebastián. A opción elixida entrará en funcionamento aproximadamente a finais de 2008 ou principios de 2009. <br />

mércores, 31 out 2007
1193839234cascovello311007b.jpg
"Existe un problema de acceso e de unión entre a parte baixa e a parte alta do Casco Vello, que sufren principalmente as persoas maiores, as persoas dependentes e os nenos, e que se vai solucionar co proxecto elixido, posto que as propostas presentadas deberán incluír solucións verticais mecanizadas para unir O Berbés e Poboadores, Poboadores e o Paseo de Alfonso e o Paseo de Alfonso e o Castelo de San Sebastián", sinalou Santi Domínguez na presentación do concurso, na que tamén participaron a concelleira de Patrimonio Histórico, Elena Maure, e o director xerente do Consorcio do Casco Vello, Alfonso Ramos.

Accesibilidade, seguridade, comodidade e reordenación do contorno son os criterios que seguirá o xurado para decantarse por unha proposta determinada. No tocante á seguridade, Santi Domínguez subliñou que o deseño debe incluír pequenos equipamentos como quioscos e oficinas de información, así como permitir unha completa iluminación nocturna. Os ascensores, que deberán contar con videovixilancia e conexión coa Policía Local, terán unha capacidade para 8-10 persoas e unha velocidade que supoña un tempo de saída e de entrada de dez segundos para cada operación. Deste xeito, poderíase obter una capacidade de 900 persoas cada hora.

A reordenación do Castelo de San Sebastián incorporará corredores de menor pendente integrados no parque, de xeito que se producirá unha modificación nos usos da planta baixa do Concello de Vigo.

O xurado do concurso, integrado por técnicos da Consellería de Vivenda, do Concello de Vigo e do Consorcio do Casco Vello, concederá un primeiro premio, dotado con 50.000 euros, un segundo premio, dotado con 15.000 euros, e un terceiro premio, dotado con 10.000 euros. Ademais, o xurado poderá outorgar até tres accésits dotados con 5.000 euros cada un. O prazo para a presentación do anteproxecto será de tres meses e o de execución do contrato de catro meses, polo que, segundo as previsións, a nova conexión podería entrar en servizo a finais de 2008 ou principios de 2009.
Descargar todas as imaxes