Escoitar

A Fundación Laxeiro pon en marcha as súas actividades didácticas para escolares de Educación Primaria e Secundaria

O pasado día 8 de outubro comezaron as actividades didácticas para rapaces e rapazas de Educación Primaria que por terceiro ano a Fundación Laxeiro ofrece ao colectivo escolar.

martes, 23 out 2007
1193141365laxeirofoto.jpg
As actividades, englobadas baixo o título "Coñece a Laxeiro" están pensadas para establecer canles de comunicación continuada cos alumnos, estructurándose do seguinte xeito:

1.Reunión previa cos educadores, na que se lles explica a metodoloxía e os contidos das actividades a desenvolver e se lles entrega o material didáctico editado a tal efecto.

2.Desenvolvemento en cada centro dos contidos do material didáctico, de xeito que cando se produce a visita, tanto docentes como alumnado, teñan xa un coñecemento previo, tanto da vida e a obra de Laxeiro, como das actividades que van desenvolver durante a súa estadía na Colección permanente da Fundación Laxeiro.

3.Visita á Colección permanente da Fundación Laxeiro. No segmento de Educación Primaria, as actividades, baseadas na ocupación do espazo museístico e nun enfoque lúdico da aprendizaxe, desenvólvense en dous tempos: unha primeira sesión de visita pola Colección permanente, na que se abordan diversos aspectos sobre Laxeiro e a súa pintura, e un segundo tempo, no espazo azul, no que o alumnado pon en práctica algunha das cuestións que se tocaron dun xeito máis teórico na primeira parte.

No segmento de Educación Secundaria, a visita á Colección permanente complétase coa utilización de ferramentas audiovisuais coas que se fai unha contextualización histórica da vida e a obra de Laxeiro. Máis tarde desenvólvese algunha das actividades que forman as unidades didácticas do programa.

Todo o programa está monitorizado por profesionais da pedagoxía artística e conta co asesoramento da Fundación Laxeiro en todo momento, de xeito que durante a súa posta en práctica na escola, o persoal docente poida contactar coa Fundación Laxeiro para resolver calquera dúbida ou solicitar máis información en calquera momento.

Durante o pasado curso, participaron un total de 2.500 alumnos e alumnas da bisbarra de Vigo, repartidos nuns 45 centros educativos.

Para participar nestas actividades, os centros educativos só teñen que poñerse en contacto coa Fundación Laxeiro para seren incluídos no seu calendario de actividades, que se desenvolven todos os luns e mércores do curso escolar de forma gratuíta.
Descargar todas as imaxes