Escoitar

Benestar Social organiza visitas guiadas para maiores á mostra "Nazón de Breogán"

A Concellería de Benestar Social, coa colaboración da Concellería de Cultura, ofrece desde este luns visitas guiadas para maiores á exposición "Nazón de Breogán", que permanecerá na Casa das Artes ata o 11 de novembro.

luns, 22 out 2007
1193054991nazondebreogan221007.jpg
Conmemorando o 70 aniversario do plebiscito do Estatuto de Autonomía de 1936, esta mostra proponlle ao espectador, mediante unha serie de paneis, unha viaxe através da historia de Galicia, marcada pola cultura castrexa, o Reino de Galiza e personalidades como Prisciliano, Xelmírez, Murguía e Vilar Ponte.

Segundo explicou a concelleira de Benestar Social, María Méndez, esta iniciativa "serve para demostrar que non nacemos onte". Méndez engadiu que unha exposición como "Nazón de Breogán" axuda aos seus visitantes a recuperar un pasado moitas veces descoñecido nun exercicio necesario para "comprender o noso presente".

Neste sentido, a concelleira salientou o papel dos maiores, que coas súas memorias poden trasladar aos nosos días información valiosa sobre feitos cuxo recordo, doutro xeito, se perdería para sempre. É por este motivo que a Concellería de Benestar Social quere facer que os maiores participen na mostra, organizando visitas guiadas de luns a venres, en horario de 18.00 a 21.30 horas.

Trátase, segundo afirmou María Méndez, dunha aposta do Concello polo benestar dos maiores desde o punto de vista cultural, que se vén sumar á oferta existente no ámbito do deporte.

"Nazón de Breogán" comezou a súa andaina en xuño do ano pasado en Santiago, coincidindo co 70 aniversario do plebiscito do Estatuto de 1936. A exposición, organizada pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, en Vigo coa colaboración da Concellería da Área de Cultura e Animación Sociocultural, está a ter unha grande afluencia de público. Arredor de 20.000 persoas visitárona na súa primeira apertura ao público en Santiago, polo que se organizou un programa itinerante por diferentes localidades do país. Ata o de agora, a mostra pasou pola Coruña, Ourense, Carballo, Pontevedra e Lugo.

En Vigo, "Nazón de Breogán" pode visitarse nos seguintes horarios:
Luns a venres: 18.00 – 21.30 h.
Sábados: 11.00 – 14.00 h.
18.00 – 21.30 h.
Domingos e festivos: 11.00 – 14.00 h.
Descargar todas as imaxes