Escoitar

Aberto o prazo para inscribirse no curso do MARCO "Aprender a ver arte"

As visitas ás exposicións son unha das mellores vías para aprender a ver e valorar a arte contemporánea, ademais dunha valiosa fonte de información. A partir do 30 de outubro, o MARCO pon en marcha un curso organizado en seis sesións consecutivas, que se repetirá os martes e sábados en distinto horario, co obxectivo de traballar a percepción e a súa tradución en palabras.

mércores, 3 out 2007
1191410983marco031007b.jpg
Todas as sesións terán lugar en galerías e museos, ademais dunha visita á exposición "Tempo ao tempo" no MARCO, e estarán precedidas dunha introdución no salón de actos.

O prazo de matrícula está aberto ata completar o número de 20 partipantes por grupo. O prezo da inscrición é de 30 euros, 24 para os membros da Agrupación de Amigos do MARCO.

Datas e horarios

GRUPO 1
Martes de 19.30 a 21.00
30 outubro; 6, 13, 20 e 27 de novembro; 4 de decembro.

GRUPO 2
Sábados de 12.00 a 13.30
10, 17 e 24 de novembro; 1, 8 e 15 de decembro.


Obxectivos e metodoloxía

En cada unha das visitas ás exposicións, o docente toma como punto de partida as preguntas que calquera persoa se pode facer ante unha mostra de arte contemporánea, para ir chegando pouco a pouco ata a información que máis nos interesa: que é o que nos poden contar as obras? Que preguntas son máis útiles? As visitas condúcense non dun modo expositivo senón tratando de suscitar cuestións sobre o que estamos a ver, a escoitar, a sentir, diante dunha obra ou do traballo dun artista.

O MARCO fai fincapé na verbalización do que ve o espectador, na súa tradución en palabras, como vía para unha mellor comprensión. O obxectivo é contribuír a conseguir un público mellor informado e con criterio á hora de enfrontarse a unha exposición.

Todas as sesións constan dunha introdución teórica que se estrutura en varios apartados: os tipos de exposición; os museos, centros de arte e lugares de exhibición; os artistas; as obras e os elementos que as conforman, as súas particularidades, etc.
Algunhas das sesións están seguidas dun exercicio que os participantes realizarán individualmente e pola súa conta durante a semana. Na seguinte sesión presentarán as súas conclusións e haberá unha posta en común. Como exemplo, a primeira sesión centrarase na análise dunha obra de arte, e posteriormente cada participante fará o mesmo exercicio, e levará a imaxe escollida á seguinte sesión para analizala en conxunto.

Avance do programa

1ª SESIÓN
- Introducción e presentación xeral: tipos de exposición e análise de obras de arte
- Exercicio 1

2ª SESIÓN
- Posta en común do exercicio 1
- Visita exposición: análise obra por obra

3ª SESIÓN
- Introdución: as exposicións individuais (1)
- Visita a unha exposición permanente
- Exercicio 2

4ª SESIÓN
- Posta en común do exercicio 2
- Introdución: as exposicións individuais (2)
- Visita a unha exposición temporal

5ª SESIÓN
- Posta en común da última exposición visitada
- Introdución: as exposicións colectivas
- Visita a unha exposición colectiva

6ª SESIÓN
- Posta en común da última exposición visitada
- Introdución: a montaxe de exposicións
- Visita a unha exposición (espazo, luz, equipamentos, sinalización)

NOTA: dado que se trata dun curso eminentemente práctico que toma como referente as visitas a galerías, museos e centros de arte, os contidos do programa estarán en función da oferta expositiva nas datas do curso, e tamén da propia dinámica de cada grupo no desenvolvemento e ritmo das sesións.
Descargar todas as imaxes