Escoitar

A campaña de recollida de aceites domésticos sáldase con 3.450 litros en 11 meses

Desde o inicio da campaña municipal de recollida de aceites domésticos usados, a empresa PMA Nutrigras leva retirado 3.450 litros deste material. Desta cantidade, 2.600 litros proceden dos bidóns situados en comunidades de veciños e os restantes 850 foron recollidos nos puntos de depósito de aceites colocados en supermercados da cadea VEGONSA.

martes, 2 out 2007
1191228336aceitebidon.jpg
A campaña de recollida de aceite, que se iniciou o 31 de outubro de 2006 baixo o lema "Recoller o aceite é coidar o medio ambiente", ten como obxectivo a reciclaxe deste líquido para obter biodiésel, un carburante para automóbiles que contamina menos que outros carburantes porque non produce emisións de xofre e porque se degrada máis rapidamente. O biodiésel é utilizado xa no transporte urbano de Vigo e en varios vehículos do parque municipal, e o seu uso está a ser promocionado pola Comisión Europea co obxectivo de atinxir unha penetración do 5,75% en 2008 e do 8% en 2020.

Nos 11 meses transcorridos desde o inicio da campaña de recollida, a liña de atención de PMA Nutrigras (986 288 120) atendeu un total de 1.117 chamadas, das cales 607 foron de comunidades de veciños que se adheriron á campaña. Isto implicou o reparto de 633 bidóns de recollida, xa que en comunidades de veciños grandes se deixa máis dun bidón. As outras 510 chamadas foron para pedir información sobre a campaña. Despois de contestalas, PMA Nutrigras rexístraas como posibles comunidades de veciños nas que situar un bidón para a recollida de aceite.

As 1.117 chamadas recibidas pola liña de atención telefónica tiveron lugar ao longo dun total de 219 días hábiles, que son os transcorridos desde o inicio da campaña ata o día 26 de setembro pasado.

Para dar cobertura e resposta ás chamadas procedentes de vivendas unifamiliares e a diferentes situacións de cidadáns do termo municipal, os organizadores da campaña contactaron coas asociacións veciñais e chegaron a un acordo coa empresa VEGONSA para a colocación de bidóns nos supermercados Eroski e Familia, desde o pasado 23 de xullo.

A colocación destes bidóns, de 55 litros de capacidade, compleméntase coa de ‘displays’ informativos. En total colocáronse 19 bidóns e ‘displays’. Dezaseis destes bidóns foron retirados xa nunha ocasión, o que supón unha cantidade de aceite para reciclar de 850 litros.
Descargar todas as imaxes