Escoitar

120 persoas despiden os cursos do "Súbete ó Castro" ata setembro

O pasado sábado celebrouse unha Festa Fin de Curso coa que se concluía a tempada de inverno do programa de lecer xuvenil alternativo "Súbete ó Castro" dependente da Concellería de Xuventude. O acto que comezou ás 10:00 e que contou cun público de arredor de 120 persoas, serviu de mostra en vivo do traballo desenvolvido polo alumnado dos diferentes cursos ó longo dos dous cuatrimestres.

mércores, 27 xuñ 2007
1182938074subetecastro.jpg
Así, o alumnado de teclado tocou varias pezas clásicas de Bach e de Strauss e participou nunha improvisación dun blues xunto ás/ós alumnas/os de guitarra eléctrica acompañados por sendos monitores.

Pola súa banda as/os mozas/os que participaron no curso de teatro, fixeron que a arte escénica tomase novos espazos, representando varias escenas dende o tellado da caseta sita ao carón da pista de bicicletas.

As/os cantantes do curso de vogalista exibiron a súa habilidade interpretando unha versión propia a capella do popular tema "Stand by me" de Ben E. King.

As alumnas de Danza Oriental deron conta do seu bo facer cunha actuación que gañou a atención e o aplauso de todos os presentes, con dúas coreografías moi vistosas e atractivas.

Pouco despois sería o turno do grupo de batería que sería o encargado de por o toque de ritmo da xornada cunha vibrante jam de percusión.

Como colofón a un acto que tivo un marcado carácter musical, as/os alumnas/os de guitarra eléctrica, batería, vogalista e baixo eléctrico, compartiron escenario para interpretar conxuntamente os temas "Smell like teen spirit" de Nirvana e "Californication" dos Red Hot Chili Peppers.

A inscrición nos cursos reanudarase a mediados de setembro.

Súbete ó Castro
Espazo Xove do Monte de O Castro

Tel. 986 485 541
cibercastro@xuventudevigo.org
www.xuventudevigo.org/cibercastro
Descargar todas as imaxes