Escoitar

Caballero avoga por dar un impulso ao MARCO

O alcalde, Abel Caballero, reuniuse este martes co director do MARCO, Iñaki Martínez Antelo, para coñecer a situación do museo de cara á renovación do seu Padroado no próximo mes de setembro.

martes, 26 xuñ 2007
1182859847marco260607.jpg
Caballero, quen ocupará o cargo de presidente do Padroado, afirmou tras o encontro a súa "vontade de que o MARCO xogue un papel moito máis importante" e se convirta "nun dos grandes museos que hai en España".

Neste sentido, o alcalde manifestou a necesidade de "revisar" o orzamento do museo, reclamando para iso unha maior implicación da Deputación de Pontevedra e a ampliación do propio Padroado "para ter máis achegas". Os 1,6 millóns de euros de que dispón actualmente o MARCO no seu orzamento son financiados na súa maior parte polo Concello de Vigo, con cerca de 1 millón de euros. Caixanova achega 300.000 euros, a Xunta de Galicia, 200.000, e a Deputación, 150.000.

Así mesmo, Caballero anunciou unha campaña divulgativa para dar a coñecer o MARCO aos cidadáns e "conseguir unha maior afluencia" de visitantes. Nesta mesma liña, o alcalde propúxolle ao director do museo a celebración dunha "grande exposición de rango nacional e internacional" cada dous anos, xa que é esta clase de eventos, na súa opinión, a que fai que os cidadáns se interesen polos museos e se convirtan en visitantes habituais.
Descargar todas as imaxes