Escoitar

Alberto Conde Trío presenta o seu novo disco, "Andaina"

O músico de jazz galego Alberto Conde presentou hoxe venres o novo disco do Alberto Conde Trío, do que forma parte. Titúlase "Andaina" e representa unha viaxe da música galega a través do jazz, con achegas da música iberoamericana e do flamenco.

venres, 23 feb 2007
1172240854discojazz230207.jpg
"Andaina" é un traballo á procura da integración estilística, onde a música galega viaxa a través do jazz en composicións e arranxos para trío, creando unha atmosfera aberta, con sinxelas melodías, espontaneidade, expresividade e variedade de ritmos. Música galega enriquecida con música americana.

Nesta ocasión, engádese a colaboración do guitarrista flamenco Chuchús Pimentel e a cálida voz de Maite Dono. A participación destes artistas achega novas cores a esta particular e ao mesmo tempo universal paisaxe musical.

Este traballo discográfico une dúas grandes figuras do jazz galego como son Baldo Martínez e o propio Alberto Conde, interesados en intercambiar as súas experiencias e apoiados polo percusionista e baterista afroamericano Nirankar Khalsa. Xuntos conseguen crear unha música fresca e orixinal cuxo obxectivo é desvelar os sentidos.

Esta formación, que está participando activamente en diversos festivais do panorama español, posúe un traballo, dentro do campo do jazz e das Novas Músicas, estenso e rico en formas e contidos. Cada un dos integrantes do trío ten a súa propia formación artística, unha longa traxectoria musical e 20 anos de incansábel labor ás súas costas.

A presentación de "Andaina" coincide coa do concerto que Alberto Conde Trío ofrecerá o próximo 3 de marzo a partir das 20.00 horas no Centro Cultural Caixanova. A achega municipal a este concerto é de cerca de 6.000 euros. O concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, salientou durante a presentación deste envento hoxe venres o impulso que desde o seu departamento se lle vén dando ao jazz, especialmente a través do Festival Imaxina Sons, do que lembrou a súa "gran trascendencia" en canto a calidade artística e repercusión social.
Descargar todas as imaxes