Escoitar

O ALT.07 comeza mañá venres coa inauguración da mostra "30 anos de danza-teatro alemán"

O Festival Alternativo de Teatro e Danza de Vigo (ALT.07) bota a andar mañá venres coa inauguración da exposición fotográfica "30 anos de danza-teatro alemán", na Casa Galega da Cultura.

xoves, 22 feb 2007
1172153671atlernativo.jpg
O acto inaugural comezará ás 20.30 horas e contará coa actuación da bailarina alemá Antje Rose, que creou unha peza de danza para esta ocasión. O inicio oficial do ALT.07 virá precedido pola saída, ás 12.00 horas desde a Casa das Artes, dun autobús urbano no que será presentada a iniciativa "Danza no Vitrasa", que forma parte do programa "Danza na rúa" do Festival.

Durante o percorrido do autobús ata as inmediacións da Casa Galega da Cultura, Antje Rose ofrecerá un anticipo das actuacións que se poderán ver en Vigo a cargo do Centro Coreográfico Galego dentro de ALT.07.

Xa na Casa Galega da Cultura, arredor das 12.15 horas, terá lugar a presentación de "Danza no Vitrasa" e "Queres unha danza?", xunto coa da exposición fotográfica "30 anos de danza-teatro alemán". Este acto de presentación contará coa presenza do concelleiro de Cultura, Ignacio López-Chaves, o director de Vitrasa, Juan Carlos Villarino, e a directora do ALT.07, Lola Correa, e completarase cunha visita á mostra e unha peza de danza de Antje Rose.

A exposición fotográfica "30 anos de danza-teatro alemán" realízase coa colaboración do Instituto Goethe de Madrid e permanecerá na Casa Galega da Cultura ata o 18 de marzo.

As actividades "Danza no Vitrasa" e "Queres unha danza?" forman parte do programa "Danza na rúa", que se desenvolverá os días 26, 27 e 28 de febreiro e 5, 6 e 7 de marzo en varios traxectos do autobús urbano e en diferentes espazos da cidade.

Descargar todas as imaxes