Escoitar

O ciclo "Entre fronteiras" do Cineclub Lumière chega á súa fin con "La última luna"

O ciclo "Entre fronteiras" do Cineclub Lumière, finaliza o próximo luns coa proxección de "La última luna", unha coprodución chilena, mexicana e española que coa que o realizador Miguel Littin pretende quere facer unha homenaxe á reconstrución da Palestina da que emigrou o seu pai.

venres, 23 feb 2007
Palestina, 1914. Unha mañá de xullo, un mozo palestino e o seu amigo xudeu comezan a construír unha casa en Beit-Sajour, nos cerros de Xudea, con pedras traídas de Beit-Yala. A aparente quietude é interrompida pola violencia que anticipa os futuros días da guerra.

Con esta historia entre fronteiras, Miguel Littin (Palmilla, Chile, 1942) recrea a Palestina da que emigrou o seu pai sendo neno, durante a Primeira Guerra Mundial, como tantos outros que fuxiron da ocupación otomana e foron a Chile, país de promisión naqueles anos. A emigración facíase nos mesmos barcos que, na viaxe de volta, traían os primeiros grupos de xudeus aos kibutzs.

"La última luna" poderá verse o próximo luns a partir das 20.30 horas no Auditorio Municipal.

Paralelamente ao ciclo de cine "Entre fronteiras" do Cineclub Lumière, desde o 9 de febreiro pódese visitar unha exposición baixo o mesmo título no MARCO. Esta mostra colectiva, que trata das diferentes formas en que as marxes definen, cuestionan e documentan o mundo de hoxe, permanecerá aberta ao público ata o 20 de maio.