Escoitar

Racións de mexillóns a un euro para promocionar o Casco Vello

Establecementos hosteleiros do Casco Vello queren dinamizar esta zona ofrecendo a partir de hoxe venres e ata o 11 de marzo, por un euro, racións de mexillóns ao vapor e especiais. Deste xeito, espérase que moitos vigueses visiten o Casco Vello para facer rutas de degustación.

venres, 23 feb 2007
1172238665lwf4.jpg
Cada local ofrecerá racións de 300 gramos de mexillóns ao vapor, máis unha especialidade de cada casa a elixir polos establecementos. Calcúlase que se cociñarán unhas dúas toneladas de mexillón para estas Xornadas. Os bares e restaurantes do Casco Vello recorrerán aos seus proveedores habituais para conseguir esta cantidade de molusco.

Os locais, que colocarán á vista dos consumidores un adhesivo identificativo para que estes os identifiquen como participantes das xornadas, son os seguintes: A Pita Tola, Café Bar La Codorniz, Cafetería Grill, Marisquería Bahía, os restaurantes Casa Vella, Don Quijote, El Pescador, La Mari, Troulada e a vinoteca Dona Branca.

O xerente da marisquería do Hotel Bahía, César Sánchez, apuntou que o motivo de que as Xornadas do Mexillón Galego se celebren precisamente entre finais de febreiro e principios de marzo é que "dentro dun mes van adelgazar demasiado", ao entraren en época de desove.

Desde a Concellaría de Turismo e Comercio, a concelleira Lucía Molares felicita a Vigovello por esta iniciativa e anima a "facela de todos os cidadáns", para poder recuperar o Casco Vello e convertelo nun espazo de encontro.
Descargar todas as imaxes