Escoitar

"Las Puertas del Cielo" ábrense na praza de Compostela

A compañía barcelonesa La Invenció representa mañá sábado na praza de Compostela "Las Puertas del Cielo", dentro do Festival Alternativo de Teatro e Danza de Vigo ALT.o7. Haberá tres pases: ás 20.00, ás 21.00 e ás 22.00 horas.

venres, 23 feb 2007
1172237966teatroalt07invencion.JPG
La Invenció
O medo e a rabia. Dúas emocións e respostas a un mesmo estímulo: a vontade de exisitir. Irmás da crueldade, unha provócaa e a outra padécea. A toda acción, a toda emoción, a calquera comportamento pode deseñárselle un contexto, unha "realidade" dramática que o cargue de sentido e lle dea unha poética para provocar un efecto artístico. O medo e a rabia teñen a súa manifestación artística, a súa poética. Dende este punto de partida, "Las Puertas del Cielo" converte unha reflexión sobre o medo e a rabia nunha cuestión artística, nunha interrogación dramática.

Esta obra represéntase nun contedor de mercadorías de 6 x 2,35 x 2,85 metros. Os actores traballan no interior do contedor co público. Teatro de intervención inmediata, independente. Lugar de encontro entre os actores e o público que compartirán este pequeno espazo no que a acción involucrará ao espectador, apelando ás súas emocións máis aló da contemplación.

"Las Puertas del Cielo" é unha coprodución de La Invenció co INAEM, Sitges Teatre Internacional, o teatro Mercat de les Flors de Barcelona e a Generalitat de Catalunya. Conta, ademais, coa colaboración do Instituto Cervantes de Casablanca, do Concello de Sabadell e da asociación marroquina AFVIC (Amigos e Familias de Vítimas da Inmigración Clandestina). Estreouse o 3 de xuño de 2004 dentro da programación do Festival Sitges Teatre Internacional.

O prezo das entradas para cada un dos pases é de 5 euros. A obra, que será representada en árabe e castelán, contará cun aforo limitado a 24 persoas.
Descargar todas as imaxes