Escoitar

Máis de 200 persoas velan pola seguridade e limpeza das praias de Vigo

Máis de 200 persoas velan este verán pola seguridade e a limpeza das praias de Vigo, nas que o Concello, a través do Órgano Xestor de Praias, leva realizado no último ano obras de recuperación e acondicionamento para que os cidadáns poidan gozar do seu tempo de ocio.

mércores, 12 xul 2006
1152707477samilxente.jpg
Praia de Samil
O alcalde accidental, José Manuel Figueroa, presentou hoxe mércores os dispositivos cos que a cidadanía conta este verán nas praias do termo municipal de Vigo. Nos servizos de Seguridade están integradas máis de 200 persoas. Así, a Cruz Vermella ten nove postos fixos, nos que 90 persoas traballan a quendas e 19 simultaneamente. O horario destes postos é de 10:00 a 19:00 horas.

Protección Civil presta os seus servizos de 11:00 a 19:00 horas, por medio de 30 persoas que traballan en distintas quendas e dispoñen de catro embarcacións. Co mesmo horario, o Socorrismo pon a disposición dos cidadáns 32 socorristas e 11 torres de vixilancia. Os socorristas que non están nestas torres vixían as praias a pé. Este servizo refórzase nas fins de semana. A estes dispositivos hai que sumar os 12 axentes da Policía Local que patrullan os areais de Vigo.

Da limpeza das praias encárganse 15 traballadores do Concello, ademais de 12 limpadores da asociación a favor das persoas con discapacidade intelectual Aspanaex, que realizan o seu labor tres días por semana ata finais de xullo. Nas fins de semana o servizo de limpeza refórzase con outros 26 limpadores.

Por outra parte, o Laboratorio Municipal analiza a calidade das augas semanalmente, mentres que a Delegación Provincial de Sanidade fai o propio cada quince días. Os resultados da analítica colócanse cada semana nos carteis informativos de todas as praias.

Xunto con estes servizos, o Concello ten levado a cabo unha serie de actuacións para que as praias de Vigo presenten as mellores condicións en canto a accesos, hixiene e respecto ao medio ambiente.

Recuperación do Vao

Así, a praia do Vao vén sendo obxecto dun traballo de recuperación do areal e das dunas co fin de evitar a perda de area. Dentro desta operación téñense plantado piñeiros nunha superficie de 3.500 m2, recuperouse unha superficie dunar de 14.500 m2 con vexetación autóctona e ampliouse o areal con terra e area da propia praia ata alcanzar unha anchura de 140 metros con marea media e unha superficie de 60.000 m2.

A estas melloras e outras, como as dos accesos das praias da Punta (Teis) e Fontaíña, sómase a colocación de duchas en distintos puntos fóra dos areais e conectadas á rede de saneamento, de acordo coas normas medioambientais.

Ademais, a partir da próxima semana as praias do Vao e Samil contarán cun servizo de información dos niveis de radiación ultravioleta. Este servizo consistirá nuns paneis que indicarán o nivel de radiación de cada día, clasificándoo como "moderado", "alto" ou "moi alto", e informarán sobre o tempo de exposición ao sol máximo para cada usuario da praia, segundo as medidas recomendadas polos dermatólogos para cada tipo de pel.

Finalmente, o Concello levará a cabo inspeccións ao chou nas praias, para que queden rexistrados nun rexistro de control as incidencias que poden requerir a actuación dalgún departamento municipal, tales como as relativas á limpeza, os servizos hixiénicos e os accesos.

Servizo de accesibilidade

Por outra parte, e como vén facendo desde hai cinco anos, a Concellaría de Benestar Social, en colaboración coa Cruz Vermella e coa financiación da Obra Social de Caixanova, pon a disposición das persoas con mobilidade reducida un dispositivo para permitir o acceso e o baño na praia de Samil. O dispositivo consta de dúas cadeiras de baño adaptadas e unha pasarela para baixar a ta a beiramar. Complétase cun baño adaptado e un vestiario.

Este servizo funciona de luns a domingo, de 11:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas. Está debidamente sinalizado e sitúase na zona da caseta da Cruz Vermella. Para facer reservas hai que porse en contacto coa Cruz Vermella (tel.: 986 42 36 66, fax: 986 42 38 84).
Descargar todas as imaxes