Escoitar

O Pleno demándalle ao Goberno central prioridade para o AVE Vigo-Ourense

O Pleno da Corporación Municipal pediulle hoxe luns, por unanimidade, ao Goberno central que considere prioritario o tramo de AVE entre Vigo e Ourense por Cerdedo. A proposta, presentada como moción polo PG, demanda o apoio do Parlamento Galego, a Xunta e a Deputación de Pontevedra a esta reivindicación.

luns, 26 xuñ 2006
1151323216soto260606.jpg
O concelleiro do PG Manoel Soto defendeu unha "axeitada unión da provincia de Pontevedra coa meseta" por medio dun tramo de AVE que non deberá ser "nin máis nin menos" que os tramos que teñan o mellor tratamento en Galicia nos seus aspectos técnicos e no seu calendario de materialización.

Para Soto, a posibilidade de que se teña que pasar por Santiago para ir de Vigo a Madrid "obedecería cando menos a unha concepción absolutamente fóra da realidade social", xa que, como lembrou, "somos a área máis poboada, a de máis industria e unha das máis turísticas de Galiza".

Consello Municipal das Migracións

Tamén foi aprobada por unanimidade unha moción presentada por María Xosé Méndez, do BNG, quen propuxo a creación dun Consello Municipal das Migracións. Neste Consello estarían reunidas todas as asociacións de emigrantes retornados e inmigrantes. A concelleira nacionalista recordou que a cifra estimada de persoas que están nesta situación en Vigo rolda as 15.000.

Outra medida incluída nesta moción do BNG é a utilización da Oficina de Empadroamento co fin de dirixir a este colectivo aos lugares en que poden ser informados e orientados. Ademais, o Concello deberá mellorar a dotación e recursos técnicos e humanos da Oficina de Inmigración, e propiciar o incremento do número de voluntarios dedicado a apoiar os emigrantes retornados e inmigrantes e as asociacións que os representan.

Zonas verdes

Pola súa parte, o PSdeG-PSOE viu aprobada, tamén por unanimidade, unha moción presentada pola súa concelleira María Luisa Graña, pola que se require ao Goberno municipal o control e seguimento das condicións de contratación do servizo de mantemento e conservación de zonas verdes.

O acordo, que se refire máis concretamente ao cumprimento das condicións que afectan aos servizos de Samil, baséase no "valor e significado" que, segundo afirmou María Luisa Graña, ten para a cidadanía este servizo, así como na "importante achega de recursos municipais" que comporta.
Descargar todas as imaxes