Escoitar

Xuventude programa actividades de verán variadas para nenos e mozos

Campamentos, deportes, xogos, música e hípica conforman a oferta de actividades do programa Verán Xove 06. Con el, a Concellaría de Xuventude quere satisfacer os gustos e necesidades do maior número posible de nenos e mozos de cinco a 30 anos durante a época estival.

mércores, 31 mai 2006
1149077514luciavera310506.jpg
Segundo explicou hoxe mércores a concelleira de Xuventude, Lucía Molares, o programa cobre un grande abano territorial e temático, polo que se espera unha boa resposta á oferta de actividades que presenta.

O Verán Xove contará este ano con 1.400 prazas de campamento, 300 máis que en 2005. A maioría dos campamentos serán de carácter urbano e desenvolveranse en Vigo, pero hai algúns que se realizarán fóra, como o Campamento da Granxa Escola "El Kiriko", no concello de Fornelos de Montes, e "Verán de Aventura", no Parque de Multiaventura de Diverlanhoso, en Braga (Portugal).

"Verán de Aventura" constitúe unha das novidades do programa de Xuventude para este ano, xa que está destinado especificamente a mozos e mozas de 18 a 30 anos. Como suxire o seu propio nome, resultará indicado para os afeccionados ás actividades de aventura, entre as cales se incluirán pontes flotantes, rappell, tirolina e paintball, entre outras. Este campamento desenvolverase en tres quendas de catro días no mes de xullo.

Outra actividade novidosa é a Escola Hípica de Verán, dirixida a nenos e mozos de sete a 18 anos. Este campamento especializado terá lugar no Club Hípico "La Muralla", de Castrelos, e nel poderase practicar equitación e coñecer todo o relacionado co mundo do cabalo (alimetación, limpeza, coidados, mantemento de materiais e instalacións, etc.). A Escola estará aberta nos meses de xullo e agosto, en quendas de cinco días.

Outra novidade do programa de Xuventude deste ano é o campamento "Verán en Clave de Sol", dedicado á expresión artística, sobre todo musical, e dirixido a nenos e mozos de oito a 15 anos. No colexio Doutor Fleming, do 3 ao 14 de xullo, os rapaces recibirán clases teórico-prácticas de violín, vento, piano e guitarra, e participarán en xogos, audicións, ensaios e actividades teatrais.

Por outra banda, o Verán Xove 06 inclúe actividades que xa comezan a ser clásicas e que sempre tiveron unha grande aceptación, como son o Campamento Urbano das Travesas, o "Verán de lecer" da Asociación Veciñal Doutor Fleming, "Tempo libre na Beiramar" (en Bouzas), o mencionado campamento da Granxa Escola "El Kiriko" e as actividades para nenos das ludotecas municipais.

Os nenos e mozos que queiran inscribirse no Verán Xove poderán facelo a partir do 5 de xuño na Casa da Xuventude. Os únicos requisitos son estar empadroado en Vigo e pertencer ao grupo de idade ao que vai dirixido o programa. Ademais, os interesados terán que entregar fotocopias do DNI e da tarxeta sanitaria e dúas fotografías tamaño carnet. Aos menores de idade requeriránselles tamén fotocopias dos DNI’s dos pais. O horario de inscrición será de 10:00 a 13:00 (de luns a venres) e de 17:00 a 19:30 (de luns a xoves).
Descargar todas as imaxes

Máis información