Escoitar

A Policía Local e os Corpos de Seguridade do Estado combaterán xuntos a violencia doméstica e de xénero

A Xunta Local de Seguridade reuniuse hoxe martes no Concello para definir a maneira en que as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local colaborarán á hora de protexeren as vítimas da violencia doméstica e de xénero.

martes, 30 mai 2006
1148994293POLI300506.jpg
A colaboración e coordinación entre as policías é unha medida que as administracións pretenden establecer en aplicación do protocolo asinado con este obxectivo o pasado 13 de marzo polo Ministerio do Interior e a Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP).

Á reunión da Xunta Local de Seguridade asistiron a alcaldesa, Corina Porro, o subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, o xuíz decano de Vigo, Jaime Bardají, e mandos das policías Nacional e Local.

Finalizada a Xunta, Corina Porro anunciou que "imos dar un paso importante para conseguirmos a máxima protección das vítimas", xa que "avanzamos na coordinación entre a Policía Nacional e a Policía Local".

Pola súa parte, o subdelegado do Goberno, Delfín Fernández, explicou que este protocolo "concreto, práctico e operativo" está a ser adaptado aos 26 concellos da provincia de Pontevedra que teñen Policía Local "para facer efectivo o cumprimento das ordes xudiciais". Deste xeito, asegurou Delfín Fernández, garantirase que as vítimas "perciban a protección" dos axentes, por medio de visitas e chamadas telefónicas, e conseguirase que "os agresores sintan o control policial".

Segundo informou o subdelegado do Goberno, a violencia doméstica e de xénero está "tocando teito en Vigo" e "parece que van diminuíndo" os delictos relacionados con este problema. Así, nos catro primeiros meses deste ano rexistráronse 88, fronte aos 107 do mesmo período de 2005. Con todo, Delfín Fernández advertiu sobre o aumento de casos nas vilas e no rural.

Por último, Delfín Fernández anunciou que o protocolo será enviado a todos os xulgados de Vigo para que apliquen as leis de maneira uniforme nos casos de violencia doméstica e de xénero.
Descargar todas as imaxes