Escoitar

O Goberno Local aproba dous convenios para realizar actividades socioculturais

A concellería de Festas asinará convenios de colaboración coa Agrupación de Centros Deportivos e Culturais e coa Federación de Peñas Recreativas "El Olivo" para levar a cabo actividades socioculturais durante o presenta ano e que aprobou hoxe a Xunta de Goberno Local.

luns, 29 mai 2006
A Agrupación de Centros Deportivos recibirá 12.000 euros para a execución da semana de teatro afeccionado que terá lugar no mes de novembro e para o proxecto de dinamización cultural "Vente con nos".

A Federación de Peñas contará con 27.286 euros para realizar o trofeo de xogos de mesa, as festas das peñas , a edición da revista anuario, gastos de xestión, o magosto de 2006 e circuítos culturais.

A Xunta de Goberno deu o seu visto e prace ás bases da convocatoria do "Concurso de ideas para elaborar e desenvolver proxectos e actividades para o programa de formación e animación sociocultural da Concellería da Muller". O programa enmárcase nos obxectivos do "III Plan municipal de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes do Concello de Vigo 2005-2007"

As actividades dos proxectos que se presenten ao concursos versarán necesariamente sobre aspectos que formen ás mulleres en tarefas e habilidades tradicionalmente realizadas por homes para conquerir a igualdade real na vida cotiá; sobre adquisición de habilidades sociais, coñecementos e hábitos de vida saudables e promoción de participación social das mulleres.