Escoitar
O Pleno da Corporación debaterá o venres 19 a aprobación provisional do documento

O Consello da Xerencia de Urbanismo dá o seu visto bo ao Plan Xeral

Cos votos favorables do PP e do BNG, a abstención do PG e os votos en contra do PSdeG-PSOE, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) recibiu o visto bo do Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo. O seguinte paso na tramitación do documento será a súa aprobación provisional polo Pleno da Corporación o próximo venres.

luns, 15 mai 2006
1147699524xerenPXOM150506.jpg
A sesión plenaria terá lugar a partir das 9:00 dese día no Salón de Plenos do Concello, segundo acordou hoxe luns a Xunta de Voceiros. O portavoz do PP, José Manuel Figueroa, considera "idóneo" este lugar, e non o Auditorio Municipal, tal e como demandou o socialista Maruricio Ruiz, porque "non hai unha cuestión de excepcionalidade". Figueroa engadiu que non se restrinxirá a entrada do público, pero si se pedirá aos asistentes que se identifiquen previamente.

A reunión do Consello da Xerencia de Urbanismo iniciouse coa intervención do representante do PG Manoel Soto, quen anunciou a súa abstención indicando que o novo Plan Xeral ten aspectos positivos e negativos. Dentro dos "fracasos" do PXOM, Soto sinalou a carencia de previsións para o crecemento do Porto, o desacordo no relativo ao saneamento da ría, a falta de zonas verdes e solo industrial, a "edificabilidade excesiva" e o trazado do AVE. Entre os aspectos positivos, o concelleiro galeguista salientou o "avance importante" que o Plan Xeral pode supór para a rede viaria de Vigo, así como as posibilidades de emprego, "importantes", aínda que non "suficientes", que se abren co novo documento.

Henrique Viéitez, do BNG, afirmou na súa quenda que o Plan Xeral é froito dunha "enorme participación" dos axentes sociais e cidadáns de Vigo. Segundo explicou Viéitez, as metas que persegue o BNG con este documento son dar seguridade xurídica, sentar as bases para o Vigo do futuro, pór o cidadán no centro do urbanismo, asegurar o progreso social e económico e facilitar o acceso á vivenda. Considerando que estes obxectivos se cumprirán co novo Plan Xeral, o BNG deulle o seu voto.

Pola súa parte, o portavoz do PSdeG-PSOE, Mauricio Ruiz, sinalou en primeiro lugar que o PXOM non está completo, xa que "faltan informes sectoriais vinculantes de diversas administracións". Ruiz cuestionou a sostenibilidade do crecemento do número de vivendas previsto no Plan, crecemento para o cal, segundo asegurou, non hai prazos nin previsións fiables. Así, o representante socialista afirmou que o potencial demográfico de Vigo vese "inflado" no novo PXOM. Para Mauricio Ruiz, outros puntos débiles do documento están na súa "inseguridade xurídica" e na "información confusa e insuficiente" sobre abastecemento e saneamento.

Por parte do PP, José Manuel Figueroa tomou a palabra para rexeitar as afirmacións de Mauricio Ruiz. Figueroa asegurou que "os informes sectoriais preceptivos non son necesarios antes da aprobación provisional" dun Plan Xeral que, segundo dixo, "os técnicos municipais avalan en xeral", achegando "matizacións" que demostran a "transparencia" no proceso de tramitación.
Descargar todas as imaxes