Escoitar

A Fundación Laxeiro presenta a exposición " En efectivo" de Amaya González Reyes

"En efectivo" é o proxecto gañador da II Edición da Bolsa Fundación Laxeiro á creación artística, dotada con 3.000 euros, mais a realización da exposición coa edición do catálogo que recolle, ademais deste traballo, toda a producción anterior da artistas. A exposición poderase visitar ato o mes de setembro.

venres, 12 mai 2006
1147436306billetescolores.jpg
Amaya González Reyes (Sanxenxo, Pontevedra, 1979) presenta na súa primeira mostra individual unha montaxe heteroxénea que, no seu conxunto, se pode entender como unha instalación realizada a partir da utilización do diñeiro da bolsa como material de traballo.

A proposta, lonxe de ser unha sisuda reflexión sobre o poder do diñeiro, é máis ben unha mirada lúdica deste, mediante a substitución do seu valor de cambio por un valor de uso que lle permite relativizar a súa gran potencia simbólica.

Partindo desta premisa, En efectivo componse de diferentes elementos que conforman un todo, pero que tamén teñen entidade como pezas independentes. A través da fotografía, o vídeo, a instalación e a escultura, a artista implica ó espectador nun contorno á vez insólito e próximo, provocado por unha utilización inusual dun material tan familiar como é o diñeiro.

Na parte máis obxectual da mostra, podemos ver cinco fotografías, cuio motivo está formado por grupos de billetes, dos que desenvolve as súas posibilidades plásticas a través das texturas, o cromatismo e a composición, conseguindo resultados de grande interese visual que o título de cada peza (o importe exacto dos billetes que conforman cada fotografía) se encarga de contextualizar.

Destaca un vídeo que tamén incide na recreación estética do diñeiro, neste caso, utilizando moedas de 10 céntimos que conforman unha secuencia en un plano frontal fixo, no que se ve unha serie de columnas de moedas, dispostas en paralelo, ocupando todo o campo visual e que, pouco a pouco, se irán desordenando, pasando por diferentes estadios de composición xeométrica, para rematar nun caos de apariencia orgánica. Presentado nunha pantalla plana de 42 pulgadas, colgada nunha parede de 7 metros por 3 de alto, esta obra adquire un protagonismo considerable, partindo dunha total austeridade formal.

O apartado obxectual da exposición, péchase cunha curiosa escultura, consistente nunha torre de moedas de 20 céntimos de euro que, partindo do chan chega a tocar o teito da sala.

Bolsa Fundación Laxeiero á creación artística

Dotada cunha contía de 3.000 euros, mais a realización do proxecto dentro da programación de exposicións temporais da Fundación Laxeiro e a edición do catálogo, esta iniciativa é unha aposta seria e rigorosa da Fundación Laxeiro polo apoio e difusión á creación emerxente en Galicia.

Dirixida a artistas galegos ou residentes en Galicia, menores de 36 anos, esta iniciativa arrincou en 2004 coa primeira convocatoria, á que se presentaron un total de 27 proxectos, dos que saíu gañador Coexistencias pacíficas do artista Antón Cabaleiro, (Santiago de Compostela, 1978), exposición que se puido ver en 2005 na sede da Fundación Laxeiro.
Descargar todas as imaxes