Escoitar

O Goberno municipal aclara que Vigo ten asegurado o abastecemento de auga para os próximos anos

O portavoz do Goberno local, José Manuel Figueroa, afirmou que nos próximos 15 a 20 anos Vigo non terá problemas de abastecemento de auga, aínda que este se manteña no seu caudal actual (1.500 litros por segundo) e se cubran as previsións de crecemento do novo Plan Xeral de Ordenación Urbana.

venres, 12 mai 2006
1147442697pleno120506.jpg
Pleno da Corporación Municipal
José Manuel Figueroa aclarou que Vigo terá que contar cun novo encoro ou un transvasamento para facer fronte ás necesidades de auga da súa Área Metropolitana. Neste sentido, o portavoz do Goberno municipal lembrou que "seguimos traballando" para desenvolver o Plan Director de Abastecemento de Auga, un proxecto supramunicipal de 220 millóns de euros que contempla o aumento do caudal ata os 3.000 litros por segundo e no que, segundo dixo Figueroa, a Xunta de Galicia xoga "un papel importante".

As declaracións de José Manuel Figuoa, como as realizadas poucos minutos antes polo concelleiro de Servizos Xerais, José Manuel Iglesias, producíronse a raíz da interrupción do Pleno extraordinario celebrado na mañá de hoxe venres. No transcurso do debate sobre unha modificación orzamentaria para financiar un programa de investimentos no termo municipal, José Manuel Iglesias interveu para falar sobre o abastecemento e potabilización da auga. Pouco despois o único punto da orde do día foi retirado co voto dos grupos da oposición. Ao mesmo tempo, PSdeG-PSOE, BNG e PG instaron o Goberno municipal a informalos nunha Xunta de Voceiros sobre a xestión deste servizo.

Despois da reunión da Xunta de Voceiros, o represnetante do BNG, Xavier Toba, declarou que "a auga está sendo tratada pero é necesaria unha reforma, e queremos saber o seu alcance e custo". Segundo Toba, o Goberno remitirá aos grupos da oposición un informe ao respecto "a semana que vén".

Pola súa parte, José Manuel Iglesias deu fe de que "a auga que se está bebendo está controlada, potabilizada e perfecta". O concelleiro de Medio Ambiente atribuiu a un malentendido a preocupación suscitada pola súa intervención no Pleno e engadiu que "é posible" que as estacións de tratamento de auga potable "teñan que ser reformadas e asdaptadas á normativa europea", aínda que estas obras "non son urxentes".
Descargar todas as imaxes