Escoitar

O XII Festival Folclórico Internacional "Concello de Vigo" celebrarase en xullo

A Concellaría de Festas e Animación Sociocultural vai programar durante o mes de xullo o XII Festival Folclórico Internacional "Concello de Vigo", creado co obxecto de fomentar, promocionar e achegar o folclore a todos os veciños do termo muinicipal.

xoves, 11 mai 2006
1147264289bailegalego.jpg
Por este motivo, a Concellaría ofrece a todas as entidades socioculturais de Vigo a posibilidade de celebrar espectáculos folclóricos que se desenvolverán nun total de cinco escenarios. As actuacións serán os días 14, 16, 18, 19 e 20 de xullo.

Para solicitar a súa inscrición no Festival, as entidades deberán presentar o correspondente impreso normalizado no Rexistro Xeral do Concello, a partir do 15 de maio e ata as 14:00 do 26 deste mesmo mes, ambas as datas incluídas.

As condicións que deberá reunir o recinto de actuación de cada entidade ou asociación serán as seguintes:

a) Escenario: completamente liso e cunhas dimensións mínimas de 10 metros de longo por 10 de largo e 1 de alto.
b) Conexión eléctrica (xerador ou enganche oficial) cunha potencia mínima de 100.000 "watios".
c) Cadeiras necesarias segundo a súa capacidade. Neste apartado hai que subliñar que desde a Concellaría de Festas xa non existe o préstamo de cadeiras.
d) Camerinos próximos ao escenario, convenientemente equipados e cunha capacidade mínima para 30 persoas cada un deles. Os camerinos deberán estar en perfecto estado de hixiene e contar con auga potábel, perchas, espellos e cadeiras.

En caso de que algúns dos elementos citados anteriormente non existan no recinto e vaian ser xestionados pola entidade ou asociación posteriormente á realización da inscrición (palco, camerinos eventuais, enganche oficial, xerador, etc.), deberán sinalalo no apartado de "Observacións" do impreso de solicitude, con indicación da xestión que vaian realizar para tal efecto.

O Concello de Vigo achegaralles a cada unha das entidades ou asociacións beneficiarias os seguintes elementos:

a) Equipo de luz e son necesarios para o bo desenvolvemento do festival.
b) Tres grupos folclóricos.
c) Elementos publicitarios (carteis e programas de man) sobre o festival, cunha antelación mínima de quince días á data de realización do espectáculo.
d) Todo o concernente á organización xeral do festival folclórico.

Cada asociación ou entidade beneficiaria poderá incluír no espectáculo ata un máximo de dous grupos de folclore, preferentemente galegos, que disporán dun tempo máximo de actuación de vinte minutos cada un deles. Este aspecto deberán comunicarllo por escrito á Concellaría de Festas antes do día 18 de xuño, coa indicación da denominación dos grupos. En caso contrario, non se permitirá a actuación de ningún grupo a maiores dos achegados pola organización.

A data de realización de cada un dos cinco espectáculos folclóricos ofertados será determinada pola Concellaría de Festas e pola comisión organizadora do festival, ou, se así o decidisen, mediante un sorteo público en data e hora que determinará no seu momento e que se lles comunicaría aos/ás interesados/as cunha antelación mínima de 48 horas. De todos modos, na solicitude de inscrición cada entidade sinalará a data ou datas que lles resulten máis convenientes.
Descargar todas as imaxes