Escoitar

Homenaxe de 34 artístas a Ferrín

A Casa Galega da Cultura amosa a exposición "X. L. Méndez Ferrín. PARAHOMENAXEARTE " na que trinta e catro artistas galegos recrean nos seus cadros e esculturas a obra literaria de Ferrín. A exposición forma parte da programación froito dun convenio asinado entre a Universidade de Vigo e o Concello para realizar actividades culturais conxunta para o período 2006-2008.

mércores, 26 abr 2006
1146056525arte1.jpg
Na exposición aportan cadros, debuxos e esculturas os artistas Alexandro, Florencio de Arboiro, Xoaquín Balsa, Arturo Baltar, Bertho, Pedro Ruiz Bofill, Manuel Buciños, Manuel Catoira, Xosé Cid, Miguel Anxo Martínez Coello, Ramón Conde, Antonio Failde, Xulio Fontes, Manuel Hermida, Ánxel Huete, Menchu Lamas, Acisclo Manzano, Menchón, Baldomero Moreiras, Xurxo Oro Claro, Francisco Xosé Pérez Porto, Manuel Prego de Oliver, Xaime Quesada Blanco, Xaime Quessada Porto, Silverio Rivas, Vidal Souto, Aida Rodríguez Táboas, Carlos Vello, Nelson Villalobos, Virgilio, Xosé Lois, Mané Boan, Xose Garcia e as Redes Escarlata.

Unha escola de paneis de fotos e textos do escritor feita polos membros do departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, Anxo Angueira, Iago Castro e X.H. Costas, completan a exposición coa que Concello e Universidade renden homenaxe a través das obras destes artistas ao escritor de Vilanova dos Infantes e Doutor Honoris Causa pola Universidade de Vigo.

O libro de arte que acompaña á mostra, tamén titulado "X. L. Méndez Ferrín. PARAHOMENAXEARTE 34 artistas", inclúe textos, estudos e artigos sobre o escritor de Anxo Angueira , Xosé Henrique Costas González e de Xosé Manuel del Caño. Tamén aportan textos ao libro de arte, a modo de introducción a alcaldesa de Vigo , Corina Porro; o reitor da Universidade de Vigo, Domingo Docampo, e o vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes , Oscar Rubiños .

A mostra sobre X. L. Méndez Ferrín poderase ver na Casa Galega da Cultura ata o día 28 de maio e a continuación itinerará ao longo dos próximos meses por distintos puntos de Galicia. O horario da exposición é de luns a venres de 18.00 – 21.30 h ; sábados de 11.00 – 14.00 h e 18.00 – 21.30 , e domingos e festivos de 11.00 – 14.00 h.
Descargar todas as imaxes