Escoitar

O XV Salón do Automóbil de Vigo será o máis grande da súa historia

O Salón do Automóbil de Vigo cumpre a súa decimoquinta edición e celébrao coa maior superficie de exposición da súa historia. Sobre un espazo de 40.000 metros cadrados no IFEVI, o monográfico do motor mostrará, do 29 de abril ao 7 de maio, as últimas novidades de 76 empresas, entre marcas de automóbiles, firmas de motocicletas e quads e empresas vinculadas á industria auxiliar.

martes, 25 abr 2006
1145971913salonAut06.jpg
Deste xeito, o Salón do Automóbil de Vigo reforza a súa posición como o maior escaparate do sector da automoción en Galicia e no Norte de Portugal. A disposición de máis espazo, consecuencia da ampliación do IFEVI, permitiu reunir nesta ocasión un maior número de expositores. Está garantida xa a presenza do 90% por cento das firmas xeneralistas que comercializan o seu produto automobilístico no mercado español. Tamén asistirán as importadoras máis destacadas e con maior nivel de demanda.

Entre o 29 de abril e o 7 de maio, os visitantes do Salón terán a oportunidade de informarse sobre os modelos automobilísticos que se incorporaron recentemente ao mercado español ou que o farán en breve. Trinta e sete firmas, entre as que figuran Renault, Peugeot, Citroën, Seat, Audi, Volvo, Toyota e Volkswagen, acudirán á cita galega este ano. Novidades como o Citroën C6, o Audi Q7, os Peugeot 207 e 407 Coupé e o Volvo C70 estarán presentes en Vigo.

Ademais, da man de Mercedes presentarase por primeira vez en Vigo a firma Maybach, que mostrará un turismo valorado en máis de 400.000 euros no que se combinan unha tecnoloxía moi avanzada cunha produción artesanal. Este vehículo, o Maybach 57, perfílase como a estrela do Salón deste ano.

Motocicletas e industria auxiliar

O XV Salón do Automóbil concederá un maior protagonismo ao mundo das dúas rodas e á industria auxiliar, coas novidades dunha decena de firmas, entre as que están Kawasaki, Derbi, Yamaha, Ducati e Moto Guzzi. Así mesmo, os afeccionados ao motor e á natureza disporán dunha ampla exposición de quads de marcas como Suzuki, SYM e PGO.

Por outra parte, a organización quere potenciar o papel da industria auxiliar dirixida ao ámbito profesional, coa presenza de empresas especializadas na comercialización de subministros e maquinarias para talleres. A oferta completarase cos produtos máis vangardistas e innovadores para potenciar as características técnicas, o deseño, o comfort e a seguridade do automóbil. Máis de un cento de produtos se mostrarán na área destinada a este subsector industrial.

As previsións da organización apuntan a que esta edición do monográfico do motor de Vigo reciba a visita dunhas 200.000 persoas, procedentes de Galicia, o Norte de Portugal e as comunidades autónomas limítrofes. A organización espera que este evento xere un volume de negocio próximo aos 55 millóns de euros.

Carácter comercial

Os expositores presentes no XV Salón de Automóbil de Vigo ofrecerán ao público interesado en adquirir un vehículo a posibilidade de probalo e de acceder a ofertas especiais deseñadas polos propios concesionarios para este monográfico. A oferta comercial complétase con aseguradoras, compañías de garantía e organizacións de asistencia en estrada.

Xunto á mostra das novidades do sector, o Salón acollerá unha serie de actividades paralelas, entre as que se inclúen circuítos de karts e buggies e a proxección en pantalla xigante do Gran Premio de Europa de Fórmula 1, que se desputará o 7 de maio no circuíto alemán de Nürburgring.

Ademais, o Salón servirá para que o público decida cos seus votos que vehículo merece obter o galardón de "Automóbil do Ano en Galicia 2006", nas categorías "Automóbil do Ano en Galicia", "Deportivo do Ano", "Todoterreo do Ano" e "Multiusos do Ano".
Descargar todas as imaxes